Ojete Calor, os reis do subnopop, encabezan o Vive Nigrán
Ojete Calor, o dúo formado polos actores e músicos Carlos Areces e Aníbal Gómez, encabeza a nova edición do festival Vive Nigrán, que se celebra o 30 de xuño e 1 de xullo no campo de fútbol de Monte Lourido. O abono para ambos días xa está dispoñible desde 45€.
O subnopop é o xénero musical que nace e morre en Ojete Calor. Definido por eles mesmos como “punk tonto para xente intelixente”, ata lle dedicaron unha canción no seu fantástico segundo álbum ‘Pataky’. Pero de onde sae este dúo tan chanante? Os actores Carlos Areces e Aníbal Gómez fundaron este peculiar proxecto musical en 2005, aínda que non foi ata 2013 cando publicaron o seu primeiro disco Delayed. As bases electrónicas e as letras, medio surrealistas medio cotiáns, caracterizan os seus temas, que levan títulos tan coloridos como ‘Opino de que’, ‘Gente que imita mal los acentos’, ‘Viejoven’, ‘Tonta gilipó’, ‘Ultrapreñada’ ou ‘Extremismo mal’.
Baixo esa capa de divertimento tonto e vacuo, Ojete Calor destápanse como bos coñecedores do pop electrónico que triunfou na Movida dos oitenta e presentan letras aparentemente inocuas pero cargadas de mensaxe. No seu cancioneiro critícase o boom da roupa vintage, as mocatrices (modelo-cantante e actriz), o cuñadismo, a xente que é ofensiva co seu exceso de sinceridade, a equidistancia ou esa manía tan propia das persoas maiores (e non tanto) de competir por ver quen está peor. Pero, por enriba de todo isto, a súa música é divertidísima. Sarcasmo en vea para botar uns bailes.
O dúo musical encabeza unha nova edición do festival Vive Nigrán, que se celebra os días 30 de xuño e 1 de xullo no campo de fútbol de Monte Lourido. As entradas xa están á venda a través da web do festival e os primeiros abonos teñen un prezo inicial de 45 € + gastos.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024