VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Un mes de actividades a golpe de pedal para celebrar o día da bicicleta

Mañá 19 de abril celébrase o día da bicicleta, en Vigo prolongaremos a celebración durante todo un mes de eventos no que a bici será a gran protagonista. Culminarán a fin de semana do 26 e 27 de maio coa xa consagrada Pedaliña.

Miles de vigueses déronse cita na Pedaliña de 2017. | A Golpe de Pedal

A bicicleta gana peso e adeptos na cidade. Son cada vez máis os que a empregan como medio de transporte a pesar das costas e de que, polo momento, os carrís bici brillan pola súa ausencia. Unha situación que está a piques de mudar. De cumprirse as expectativas municipais en breves comezarán as obras do primeiro carril bici da cidade que unirá Samil e Teis, e que segundo afirma o concello prevén que estea finalizado nun prazo dun ano. Como preludio a ese carril, este mes celébrase a XXI edición do Vive Vigo en Bici, que trae diferentes actividades nas que a bicicleta adquirirá un papel central e que se desenvolverá durante as vindeiras cinco fins de semana. Os actos organizados por A Golpe de Pedal en colaboración con outras moitas entidades e empresas ligadas ao mundo da bici, culminarán na tradicional Pedaliña que terá lugar o 26 e o 27 de maio.

Os actos comezan este domingo coa marcha Bicis na Primavera organizada polo Club Ciclista Vigués e que partirá ás 10:30 da Porta do Sol. Continuarán o sábado 28 de abril cunha actividade de Bicilúa. Nesta ocasión a ruta comezará no parque do Castro ás 19:00 horas e percorrerá algunhas das medianeiras da cidade, ás nove a marcha ciclista volverá cara o Castro onde os participantes tomarán un chocolate quente ao tempo que observan a lúa chea. O domingo 6 de maio as bicis antigas e clásicas daranse cita en Bouzas a partir das once da mañá. O domingo 13 de maio farase a segunda parte da ruta ás medianeiras da cidade, nesta ocasión o punto de encontro será na Praza de Independencia ás 16:00 horas e rematará no Parque de Castrelos arredor das 18:30 con chocolatada e un regalo moi especial, relacionado co nome da actividade: Operación Ring Ring. O domingo 20 de maio os eventos ciclistas trasládanse ao barrio do Calvario, unha actividade de ciclismo na cidade na que poden participar pequenos e maiores, haberá unha xincana popular e xogos para nenos. A fin de semana do 26 e 27 de maio terá lugar a agardada Pedaliña. O sábado no parque do Castro viviremos unha gran festa da bicicleta e o domingo celebrarase a popular marcha na que tódolos vigueses están convidados a participar e que partirá ás 11 da mañá da Porta do Sol. Algunhas das actividades están limitadas a 30 persoas e as inscricións poden facerse a través da web de A Golpe de Pedal.

O festival ten tamén un lado solidario, nesta ocasión a organización do certame colabora coa ONG Entreculturas e o diñeiro recadado durante os eventos irá destinado ao campo de refuxiados de Baalbek en Líbano, para garantir que todos os nenos que se atopan alí reciban polo menos unha comida ao día.

Programa de actividades do Vive Vigo en Bici 2018.