The Wild Fest cambia de datas e desvela a Ángel Stanich como cabeza de cartel
The Wild Fest cambia a súa data de celebración: será os días 23, 24, 25 de xuño, no Parque Forestal de San Miguel de Oia, coincidindo coa noite de San Xoán. O festival de lecer na natureza ofrecerá dúas xornadas gratuítas e unha de pago. As entradas xa están á venda en Vivetix.
The Wild Festival anuncia tres novidades para a súa quinta edición: cambia as datas anunciadas hai uns meses para trasladarse á fin de semana do 23 ao 25 de xuño; desvela a Ángel Stanich como un dos seus cabezas de cartel e pon á venda as entradas para o sábado.
The Wild Fest celebrarase entre o 23 e o 25 de xuño, con entrada gratuíta tanto o venres como o domingo. Na xornada do venres o certame organizará, xunto ás asociacións de Liñares e San Miguel de Oia, unha festa de de San Xoán con sardiñas e conxuro da queimada. A música está asegurada coa celebración da final do concurso de bandas Salvaxesons.
O sábado será o turno dos grandes concertos. De momento, o cantautor de rock alternativo Ángel Stanich é o primeiro artista confirmado no cartel musical. Esquivo, misterioso e personalísimo, Ángel Stanich converteuse non últimos anos nunha das voces referencia do panorama indie rock en España. Grazas ás súas letras irónicas e as súas melodías pegañentas, o cántabro sorprende disco tras disco co seu sentido do humor ácido e o seu talento compositivo.
Polvo de Battiato é o seu último traballo, un conxunto de temas que oscilan entre o pop, o rock e o folk e que o volven situar como un dos artistas máis interesantes do panorama musical nacional. O cántabro actuará no escenario principal xunto a outras bandas españolas e galegas que o festival desvelará nas próximas semanas.
Como en edicións anteriores, os asistentes desfrutarán das proxeccións ao aire libre de The Wild Cinema, actividades infantís, sesións vermú con concertos, mercado, zona gastro e todo o bo ambiente e desfrute da natureza que distingue ao festival.
As entradas para o sábado (único día de pago) están desde hoxe á venda na platorma Vivetix. As primeiras 400 venderanse a prezo especial de lanzamento de 15,00 €. As persoas que desexen durmir no cámping poderán reservar xa a súa praza por un suplemento de 5,00€. O acceso ao cámping estará aberto entre o venres 23 ás 15:00h e o luns 26 ás 12:00h.
Como novidade deste ano, e debido ao gran número de preguntas e suxerencias recibidas en anteriores edicións, este ano habilitarase un espazo para furgos e autocaravanas. A reserva nesta zona, con capacidade para 50 vehículos, ten un custe de 10,00 € por vehículo.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024