Dous festivais de cine vigueses abren as súas convocatorias
Dous dos festivais de cinema da nosa cidade, o Galician Freaky Film Festival (GFFF) e o Festival de Cine Inclusivo (VIIFF), xa teñen as súas convocatorias abertas para recibir os filmes que se proxectarán nas súas edicións deste ano.
GALICIAN FREAKY FILM FESTIVAL
Desde o 18 de xaneiro ata o 12 de xuño o Galician Freaky Film Festival abre os buzóns para a recepción de filmes que formarán parte da súa sétima edición. A inscrición é gratuíta é pode facerse a través do formulario dispoñible na súa web , ou a plataforma Festhome. No 2022, o GFFF recibiu preto de 650 filmes dos cinco continentes, cos que construiu unha sorprendente escolma do máis destacado do audiovisual freak.
A convocatoria que lanza o Galician Freaky Film Festival cada ano está aberta á participación de cineastas profesionais ou afeccionados de calquera parte do mundo, sen límite de traballos por autor, sempre e cando foran producidos en 2021 ou despois. Só se admitien curtametraxes, que deben ter unha duración máxima de 30 minutos e encaixar nalgún dos estilos do festival: terror, fantasía, ciencia ficción, comedia ou freak.
Tamén poderán presentarse filmes dirixidos a público infantil que queiran formar parte do Pequefreak, a xornada que, desde hai dous anos, o certame dedica en exclusiva a mergullar o público miúdo na cultura freak e infundir a paixón pola sétima arte nas xeracións máis novas.
Os filmes seleccionados pasarán a formar parte da sección oficial da sétima edición do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará entre o 22 e o 30 de setembro, tanto presencial como online, e optarán a algún dos 8 premios que o certame reparte, outorgados polo público e por un xurado especializado. Esta será a primeira edición na que os gañadores das tres categorías máis destacadas do certame (Gran Premio GFFF á curtametraxe máis freak, Premio Olimpo dos Freaks á curtametraxe máis aplaudida e Premio Olimpo dos Pequefreaks) reciban un premio en metálico de 200€, ademáis da característica estatuíña do Dinoseto decapitado.
FESTIVAL DE CINE INCLUSIVO
O Festival de Cine Inclusivo de Vigo abre o prazo de recepción de curtametraxes, longametraxes, webseries e documentais ata o 17 de maio. A VIII edición, organizada pola asociación AGAIN, celebrarase do 17 ao 21 de outubro. Como novidade este ano o festival contará cunha sección de curtas arredor da diversidade sexual.
A temática das curtametraxes é totalmente libre, podendo ser tanto de ficción como de non-ficción. No caso dos documentais, as longametraxes de ficción e as webseries a temática virará arredor da inclusión co obxectivo de visibilizar todos aqueles proxectos que toquen de maneira substancial a diversidade funcional, sexual, xeracional, económica ou cultural e o que a rodea.
Todos os premiados recibirán unha estatuíña conmemorativa e un premio en metálico. Establéncense as seguintes categorías e premios que serán otorgados por un xurado profesional: o premio á mellor longametraxe de ficción recibirá 600 euros e estatuíña, o premio ao mellor documental recibirá 600 euros e estatuíña, o premio á mellor curtametraxe de ficción recibirá 400 euros e estatuíña e o premio á mellor curtametraxe documental recibirá 400 euros e estatuíña. O público escollerá os dous premiados restantes: o premio á mellor webserie (votación online) recibirá 200 euros e estatuíña e un premio do público entre todas as pezas a concurso valorado en 300 euros e estatuíña.
A duración máxima das obras presentadas será de 25 minutos no caso das curtametraxes e de 180 minutos cando se trate de documentais e longametraxes de ficción (títulos de crédito incluídos en ambos os casos). A inscrición é gratuíta. As obras que se presenten serían realizadas e/ou estreadas preferiblemente con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022. As bases pódense consultar na web do Festival, onde os interesados poden inscribirse para participar.