UVIGO
FILLOAS

Dous vigueses no máis alto da montaña

Nacho Pequeño e Javier Pereiro revivirán, mañá mércores, na Casa do Deporte de Vigo a súa experiencia nun dos ultra-trails máis esixentes do mundo o PLT de Mont Blanc.

Salvar unha distancia de 290 km e 26.500 m de desnivel positivo en 6 días sen paradas. Esa foi a fazaña que os vigueses Nacho Pequeño e Javier Pereiro acadaron o pasado verán nunha das probas de Trail de montaña máis duras do mundo: O PTL de Mont Blanc. Pereiro e Pequeño representaron ao club Peña Trevinca, un dos 6 equipos españois seleccionados para participar nesta proba. Debido a dureza do percorrido os corredores interesados en participar deben presentar a súa candidatura en equipos formados por dúas ou tres persoas. “En xaneiro coñecemos que foramos seleccionados e, dende entón, puxémonos en modo entreno para chegar a punto para agosto”, explica Nacho, que se presentaba por primeira vez. Pola súa banda, Javier era a terceira vez que participaba na carreira e a primeira que lograba completala. Aos seus 67 anos, converteuse na persoa máis maior en finalizar o PTL. Outra das particularidades da ruta é que non está balizada. Quince días antes do evento os corredores reciben un track e unha guía da ruta, o sentido da orientación é outro dos requisitos para conseguir rematar a proba.

Os deportistas galegos aseguran que en moitas ocasións foron ao límite, e que sufriron unhas condicións metereolóxicas moi oscilantes que dificultaron a ruta. Finalmente, os vigueses lograron completar o percorrido en 148 horas das 151 e media que tiñan permitidas. Durante todo o percorrido non durmiron máis de 15 horas e só 3 foron seguidas “chegamos a facer xornadas de 23 horas seguidas camiñando”, enfatiza Nacho. Da experiencia o montañeiro destaca a “camaraderería, o traballo en equipo foi fundamental”. Ademais, ao tratarse dunha proba non competitiva o vigués asegura que se respiraba un ambiente moi bo entre os diferentes equipos. O nivel de esixencia queda patente tamén no alto nivel de abandono dos 116 equipos que participaban, 55 abandonaron.

Este mércores a partir das 20:30 horas estarán na Casa do Deporte para contar aos asistentes como foi a súa experiencia apoiándose dunha proxección con imaxes do percorrido sacadas por eles mesmos e gravadas pola organización. “Unha experiencia única”, asegura Pequeño á vez que admite que non a repetiría, “non sería bo para a saúde e hai moitas outras probas no mundo nas que participar”.

CAMELIAS NADAL

(GMT+01:00) Casa do Deporte