Cociña de a bordo: vieiras estilo Vigo
Como cada ano, Pereira Productos del Mar volve á casa por Nadal co receitario Cocina de abordo, que neste 17.º volume homenaxea a figura da escritora e intelectual galega Emilia Pardo Bazán, nunha maridaxe perfecta entre gastronomía e literatura. O receitario leva por título La cocina del mar de Emilia Pardo Bazán, co gallo do inminente 110.º aniversario da publicación de La cocina española antigua (1913), o primeiro libro de cociña da devandita intelectual coruñesa, enmarcado no proxecto editorial Biblioteca de la Mujer, que ela mesma dirixía. Todo un exemplo de que un volume de cociña pode achegar máis que propostas de pratos, dando pé a un documento de valor cultural con carácter histórico.
O receitario de Pereira recolle algúns dos pratos feitos a base de produtos do mar que a escritora recompilou no devandito libro, adaptados aos tempos actuais da man de dous restaurantes de relevancia en Galicia. Estas «vieiras estilo Vigo» foron reformuladas no restaurante Matices, de Carla Álvarez, en Moaña.
Ingredientes
6 vieiras coa cuncha
2 cebolas tenras
1 tomate
Perexil picado
Pan relado
Sal
Pementa
Xamón ibérico
Queixo de Arzúa
½ vaso de viño branco albariño
Pemento moído de La Vera
Aceite de oliva virxe extra (AOVE)
Elaboración
Lavamos as vieiras retirando a cartilaxe branca que as adhire á cuncha e aderezamos con sal e pementa. Prequentamos o forno a 180 ºC. Mentres, picamos en dados pequenos as cebolas e o tomate e cociñamos a lume maino en aceite de oliva virxe extra. Cando a cebola estea branda, regamos con medio vaso de viño branco alvariño e deixamos que evapore. Retiramos do lume e incorporamos media culler de pemento moído. Colocamos as vieiras sobre as cunchas e colocamos sobre cada unha uns anaquiños de xamón en tiras miúdas, dous tacos de queixo e unha cullerada de cebola. Coroamos con pan relado e perexil picado. Por último, enfornamos durante 6 minutos a 180º C.
Para quen quede con gana de máis, nas tendas que o Grupo Pereira ten no número 59 da rúa da Beiramar e no número 41 da rúa da Ronda de Don Bosco regálase un receitario en forma de almanaque coa compra dos produtos do mar para o Nadal. Ademais, na web wwww.recetaspereira.es hai un apartado específico para receitarios, onde se poden descargar outras propostas coas que aproveitar do xeito máis exquisito o sabor do Atlántico. Todos a bordo!
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024