REVISTA ABRIL

Cociña de a bordo: polbo en cama de puré de fabas

Se aínda andas a cismar no menú do Nadal, traémosche unha proposta digna dos mellores anfitrións. Como xa vén sendo tradición, o Grupo Pereira volve co receitario «Cocina de a bordo» coa entrega número 16. Para ir abrindo boca, comparten connosco en exclusiva a receita elaborada polo cociñeiro vasco Iñaki Bretal, o estrela Michelin responsable do restaurante Eirado da Leña (Pontevedra):

Ingredientes

1 kg de polbo

1 kg de fabas de Lourenzá

1.700 ml. de auga de cocción de polbo

1 pemento encarnado

3 dentes de allo

1 tomate

2 follas de loureiro

1 c/s de azafrán

10 g de sal fino

1 c/s de sal de Maldon

1 c/s de aceite de oliva virxe extra

1 c/s de pemento moído de La Vera

REVISTA ABRIL

Elaboración

Limpamos e cocemos o polbo en auga, uns vinte minutos ao lume e outro tanto de repouso. Gardamos a auga da cocedura. Sofritimos as verduras, engadimos as fabas — que deixariamos en remollo o día anterior— e a auga de cocción do polbo. Cociñamos durante aproximadamente unha hora. Retiramos as verduras, apartamos a folla de loureiro e triturámolas. Peneiramos cun coador chinés e engadimos as fabas. Rectificamos de sal. Para terminar o prato, collemos un cullerón de fabas e esgazámolas cun garfo. Colocamos enriba un anaco de polbo previamente pasado pola prancha e botamos por riba o sal de Maldon, o pemento de La Vera e un chorro de aceite de oliva virxe extra (AOVE).

Quedaches con ganas de máis? Nas tendas que o Grupo Pereira ten no número 59 da rúa da Beiramar e no 41 da Ronda de Don Bosco podes levar como agasallo este receitario en forma de almanaque coa compra dos produtos do mar para o Nadal. E se a contía supera os 100€, ademais de produtos gastronómicos de primeira calidade levarás a casa un reloxo. Este ano tamén existe a opción de recibir no teu propio domicilio estes manxares. E na web pereira.es podes descargar outras once propostas máis, asinadas polo propio Iñaki Bretal; por María Varela, responsable do complexo rural A Parada das Bestas (Lugo) e mais por Daniel López, rexente do restaurante O Camiño do Inglés (Ferrol). Todos a bordo!