CAMELIAS MASCOTAS

Música e videoxogos da man da Orquestra Vigo 430

O próximo venres 23 de decembro ás 20:00 a Orquestra Vigo 430 interpretará no Auditorio Mar de Vigo algunhas das bandas sonoras de videoxogos máis famosas das últimas décadas. A idea xurdiu da violinista e musicóloga viguesa Erea Carbajales, experta neste eido desde hai un lustro. Merca aquí as túas entradas.

Ellie, unha das protagonistas da saga de videoxogos The Last of Us, tocando a guitarra

Cando era nova, na casa de Erea Carbajales non había videoxogos. O primeiro contacto que tivo no mundo das consolas foi na casa das súas amizades, onde asumía o papel de observadora e non de xogadora activa. Grazas a ese punto de vista externo e non inmersivo comezou a fixarse en detalles que para os seus colegas, coa mirada atenta na pantalla e no mando, pasaban desapercibidos. Esa “amiga dos gamers“, como ela mesma se define, comezou a desenvolver un forte interese polos sons que saían do televisor, e anos máis tarde, en 2018, non dubidou en dedicar o seu traballo de final de estudos no Conservatorio Superior de Vigo a esta materia.

REVISTA NOVEMBRO

Despois de numerosas charlas divulgativas, a idea chegou aos oídos da Orquestra Vigo 430, sempre aberta a colaboracións e novos retos. Xunto con Brais González, membro de Caspervek e compañeiro de Erea no podcast sobre musicoloxía Anónimo IV, decidiron adaptar as bandas sonoras de moitos dos videoxogos máis famosos da historia a formato orquestral. Así, e baixo o nome de Música e Videoxogos: Unha odisea sinfónica, o venres 23 de decembro poderemos escoitar no audiorio Mar de Vigo as melodías de Angry Birds, Tetris, Assassins Creed, Monkey Island, Mario Kart, Pokémon, Silent Hill, The Last of Us, Tekken, Minecraft, Sonic un amplo repaso a algúns dos xogos que máis nos fixeron desfrutar nos últimos tempos. A título persoal, Carbajales destaca dous títulos que lle impactaron especialmente no aspecto musical: os créditos finais do Portal e o Final Fantasy: “Lembro que no Conservatorio o profesor de Tecnoloxías nos dera para analizar a banda sonora do Final Fantasy. Alucinei ao ver as dimensión da plantilla orquestral”, rememora.

Para diferencialo doutros concertos semellantes que xa se teñen feito noutras parte do mundo e do Estado, Erea quixo engadir unha particularidade: unha persoa xogando en directo a videoxogos. Este feito, tan habitual no mundo de Youtube e Twitch, é unha novidade no mundo sinfónico. O gamer escollido foi León Picarón, un youtuber aragonés de 24 anos especializado no videoxogo Sonic que actualmente ten 4,7 millóns de subscriptores na súa canle de YouTube. O andorrano xogará en directo a sete títulos mentres a OV430 o acompaña tocando.

Con este tipo de iniciativas Carbajales e a Orquestra buscan atraer a novos públicos á música clásica, tan atada ao pasado e a autores falecidos hai séculos: “O formato que se vén xestando desde o século XVIII chegará un punto no que estea obsoleto. É algo que se ve na ausencia de programacións e concertos , e creo que este é o xeito de facer que o público máis novo se interese pola música sinfónica”, explica. Para rematar, a docente e músico pensa que o mundo dos videoxogos “se está abrindo un oco a pasos axigantados e cada vez máis xente é capaz de recordar e cantaruxar melodías que non proveñen do cine, senón dos videoxogos“, finaliza.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.