Treixadura: “Aínda temos folgos para cantar, tocar e divertir á xente”
Este venres Treixadura presenta no Teatro García Barbón o seu último traballo ‘Inda canto’. Con este CD a agrupación quere reivindicar que continúa enriba dos escenarios despois de 28 anos de carreira e, ao tempo, facer unha homenaxe a todas aquelas persoas que sobreviven a música tradicional galega en seráns e tabernas.
As entradas están esgotadas. Tras 28 anos de traxectoria Treixadura xa non precisa demostrar nada, o seu público é fiel e confía no seu bo facer. “Cando comezamos nos 90 isto era unha utopía e converteuse en realidade”, sinala Antón López, máis coñecido por todos coma Toniño. Pasaron os anos pero a esencia do grupo mantívose “nunca mudamos o camiño que nos marcamos ao inicio e creo que iso foi o que nos deu o éxito”, agrega o músico. O único que variou co tempo foi o número de compoñentes. Comezaron sendo un grupo de gaiteiros e co tempo viron a necesidade de engadir un acordeón e as voces.
Este venres os 15 compoñenentes do grupo subirán ao escenario do García Barbón coa incerteza de saber como responderá o público ante os 12 temas que presentan. “Algúns deles os tocamos durante o verán para ver como ía respondendo a xente. Pero moitos soarán por primeira vez este venres”, adianta Toniño. Escoitaranse temas de foliada, pezas instrumentais herdeiras de grandes mestres gaiteiros e a música que eles consideran de ‘seu’, coa que pretenden facer a súa propia achega á música tradicional. O disco tamén inclúe unha versión do tema ‘O Carro’ baseado nos versos de Manuel María.
Este traballo chega tres anos despois do seu 25 aniversario e o título é toda unha declaración de intencións. “Con ‘Inda canto’ queremos dicir que aínda temos folgos para cantar, tocar e divertir a xente co noso espectáculo”, explica Toniño. Pero ademais este traballo é unha homenaxe a todas aquelas persoas que dende a base fan que a cultura autóctona resista. “Son as persoas que forman as agrupacións folclóricas das asociacións e a xente que canta e toca esta música en seráns e tabernas as que fan que a nosa música estea viva”. Sen dúbida, Treixadura ten contribuído en boa parte a este bo vivir da música tradicional, agardemos que sexa por outros tantos anos máis.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024