As nosas recomendacións para este Culturgal
Do 24 ao 27 de novembro celébrase, un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra, Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia. E xa van 15 edicións! Catro días repletos de literatura, teatro, música, cinema, actividades infantís e obradoiros que farán as delicias tanto dos profesionais do sector como do público xeral. Merca aquí as túas entradas ou consulta o programa completo.
CONCERTOS
Como xa vos adiantamos neste outro artigo, o Culturgal deste ano conta cunha coidada programación musical, na que actuarán catro dos grandes novos valores da música galega: Antía Muíño, Néboa, Berto e Grande Amore. Ritmos de jazz, tradición, electrónica, pop soarán o sábado 26 a partir das 20:00 no auditorio do Pazo da Cultura, por un prezo de 8€.
ESPAZO CINEMA
A programa audiovisual de Culturgal sempre paga a pena para estar ao tanto das últimas novidades do noso cinema. A primeira proxección será o venres con O corpo aberto, unha cinta de terror folk baseada no libro Arraianos de Xosé Luís Méndez Ferrín e dirixida por Ángeles Huerta. Un filme misterioso e atmosférico no que Tamar Noavas ofrece unha interpretación chea de matices. Trala proxección haberá un coloquio coa directora, co actor e co produtor Gaspar Broullón.
O sábado proxectarase a gañadora do Goya Valentina, de Chelo Loureiro e a fantástica Unicorn Wars, de Alberto Vázquez. Ambos filmes son de animación, mais o segundo esta dirixido a público adulto. A xornada remata con Eles transportan a morte, de Samuel L. Delgado. Pechan a feira o domingo a presentación dos documentais Tralos pasos de María Casares, A Virxe Roxa e O Gran Camiño e o falso documental (ou non) Welcome to Ma Maison, de Andrés Goiteira.
OBRADOIROS
Outro dos puntos fortes da feira son os seus obradoiros, dirixidos tanto a público infantil como adulto. O venres, por exemplo, haberá un de encadernación de libros cartoneiros por Sara Guerrero e unha xornada de xogos de mesa en galego por Brazolinda. Ao día seguinte haberá un de imprenta tipográfica ambulante por Alouette machine, outro titulado Mamá, quero ser artista sobre autorretratos con María Meijide, un terceiro sobre elaborar o teu propio dicionario en galego baixo o nome de O lar das palabras e, por último, o taller creativo Camiña sobre o cambio climático.
O domingo será a quenda de Esther Carrodeguas cun obradoiro sobre rap, outro de collage polo Espazo Brétema e un último de construír maquetas de espazos habitables con material de refugallo, impartido polo EstudioIA.
LIBROS
A literatura galega está a recibir numerosos premios nos últimos anos. Algúns destes autores galardoados, como Marilar Aleixandre (Premio Nacional de Narrativa 2022) e Ismael Ramos (Premio Nacional de Poesía Xove) estarán presentes nesta edición de Culturgal. Juan Tallón, Berta Dávila, Carlos Callón, Bibiana Candia, Antía Otero, Pepe Cáccamo, María Solar, Xosé Manuel Pereiro, Antonio García Teijeiro ou Fran P. Lorenzo son algúns dos nomes protagonistas do programa literario. Tamén se presentará Chévere 1987-2022, trinta e cinco anos de axitación cultural, un libro editado por Kalandraka que reúne a historia do grupo teatral máis exitoso de Galicia nas últimas décadas.
Consulta aquí todos os eventos relacionados coas nosas letras.