CAMELIAS MASCOTAS

Mapa: Onde transcorren as cancións que falan de Vigo?

Este martes 22 é o Día Internacional de Música, polo que resulta un momento idóneo para recompilar as cancións, de artistas locais e foráneos, que versan sobre a nosa cidade. Mediante estes temas percorreremos as diferentes zonas de Vigo, facendo un roteiro musical único e cheo de humor, sentimento de pertenza e viguismo.

Mapa: Na descrición de cada unha das localizacións do mapa atoparás os temas que falan dese lugar.

A escena músical ao longo das décadas é un dos bens intanxibles máis prezados de Vigo. Desde Siniestro Total a Cró! a música local sempre gozou de boa saúde, e a propia cidade foi, é e será unha fonte de inspiración inesgotable para os seus artistas. Percorreremos a comarca de norte a sur falando brevemente das cancións que forman este rueiro musical.

O punto máis septentrional que atopamos nesta viaxe é a ponte de Rande, unha construcción que inspirou encontros paranormais (‘Base alieníxena de Rande’ de Transilvanians), viaxes no pasado (‘Quedamos en Vigo’ de MClan) e, curiosamente, desexos de saltar desde enriba (‘Tírate da Ponte de Rande’ de Os Vacalouras e ‘La cámara de ecos’ de León Benavente). Xa en Teis, este vecindario obreiro aprece mencionado en ‘Mi barrio’ de Kannon, ‘El rey del barrio de Teis’ de Estrambotes e ‘De pura raza’ de 040. Pola súa banda, a ETEA é a protagonista dunha canción homónima do grupo Sonido de Teis, artistas de música urbana que teñen cancións ambientadas en Sanjurjo Badía, Coia ou no local de festa Ferré (“Soy una gárgola no me dejan entrar en el Ferré porque soy gilipollas y dejé en casa el carné”).

Na zona do Náutico poderemos recibir a Compay Segundo ao ritmo da gaita de Carlos Núñez na estación marítima, onde supoñemos que chegaría tras cantar ‘Para Vigo me voy’. Sobre a emigración versa tamén ‘Puerto de Vigo’ de Los Unidos: “Es tu brisa la caricia, que despide al emigrante”. A escasos metros celébrase en agosto o gran festival de Vigo, O Marisquiño, a pesar de que Cruceiro non estean moi polo labor: “Me da pereza el Marisquiño, no te enfades te lo digo con cariño”. Outra gran festa local, esta situada no Casco Vello, é a Reconquista. O dúo de rock Sniff and Crash compuxeron un himno ao produto estrela da celebración: o chouripán (‘Choripán’). No Casco Vello podemos pasear pola rúa Real (coñecida como Vinos), inmortalizada en ‘De la Real a la Ribera’ de Joao Tomba, alter ego de Indy Tumbita; o Berbés, na fermosa adaptación dos Kinks elaborada por Nicolás Pastoriza (‘Anochece en el Berbés’); e tamén pola Oliveira, símbolo da cidade, mencionada en ‘La balada de Cachamuíña y María Pita’ de Siniestro Total.

O Dinoseto, exiliado desde hai anos na Alameda, aparece mencionado en ‘Tu amigo de Vigo’ de Dani Cornes (“tu barrio es una mierda, el Dinoseto lo va a arreglar”) e protagoniza ‘Abel the Knight’ dos composteláns Boyanka Kostova (“Cada 500 metros, uno, dos, tres Dinosetos”). Por certo, o noso alcalde Abel Caballero tamén sae retratado, con sorte dispar, noutros temas como ‘Emperador’ de Dientes e ‘Vaya tío’ de Tony Lomba e Elio dos Santos. A obra magna do rexedor, a festa do Nadal, tamén protagoniza algunhas cancións: ‘Vivo la Navidad’, novamente de Lomba e dos Santos, e ‘Vigo es Navidad’ de Guillermo Castro.

As salas de concertos tamén teñen un oco no imaxinario musical vigués. O Xancarajazz e o seu dono, Gonzalo Villar, recibiron unha fermosa homenaxe a modo de second line dos Transilvanians no seu ‘Skancarajazz’. O malogrado Contrabajo Club menciónase no tema ‘Vigo’ de Tincho Fernán. La Iguana Club, o local churruqueiro por excelencia, é a escena dun crime en ‘Consulta la prensa mañana’ de Los Marcianos. Outro local mítico, aínda que este xa non existe, foi o Hanoi (agora Sala Kominsky), protagonista de ‘Jueves en Hanoi’ de Bo Derek’s. O barrio de Churruca e o seu ambiente festivo tamén sae mencionado no tema ‘Tu amigo de Vigo’: “Salimos por Churruca, vomito en tu portal, me quejo, me harto, la calle está sucia”.

Unha das rúas máis importantes da cidade olívica é Urzaiz. O lugar onde está a famosa Farola é o punto de partida de ‘Colón y Urzáiz’ de Óscar Avendaño & Reposado. Máis cara arriba, no cruce entre Urzaiz, Lepanto e Gran Vía, ‘Urzaiz Street Beat’ de Bromea o Que, grupo dos anos oitenta liderado por Nicolás Pastoriza, fai mención ao malogrado scalextric. Subimos Gran Vía (polas rampas, para coller un pouco de aire) er chegamos á Praza de España, unha das rotondas máis caóticas da urbe se vas no coche. Os Residuos Atractivas, no seu tema ‘Vigo’, falan con humor do anárquico tráfico vigués, famoso no mundo enteiro. Afastada da zona centro está a Avenida de Emilio Martínez Garrido, máis coñecida como A Doblada. Alí naceu eu creceu Eladio Santos, lider de Eladio y los Seres Queridos, e ‘La calle inclinada’ resulta unha fermosa homenaxe ás rúas da súa infancia. O músico vigués tamén compuxo o himno oficioso dun Vigo que cheira a leña e no que só chove, ‘El tiempo futuro’, que pode competir con ‘Vigópolis’ de El Puto Coke, ‘Vigo’ de Keltoi!, ‘Vigo-92’ de Os Resentidos ou ‘O vivir en Vigo’ de Pelepau. Aínda máis afastado do miolo está Bembrive, onde a celebración do San Brais seguro que inspirou o ‘Furancho’ de Beethoven Rollers, acompañados por Pablo Novoa e Marina Carpente.

Volvendo á Praza de España, baixamos a Gran Vía ata pasar Praza América para adentrarnos en Coia, posiblemente o barrio que máis cancións inspirou. Resulta irónico que dúas das cancións proveñan de bandas de Teis, como son Os Vacalouras (‘De vacacións en Coia’) e Sonido de Teis (‘Coia 2K11’). A máis descritiva é ‘C.O.I.A.’ de El Puto Coke con Frank, Pow e Ostia Padre, que agrandan a lenda dese barrio perigoso onde a violencia e a droga campan ás súas anchas. Na banda sonora da webserie Coia o Caos, aínda inédita, tamén participan numerosos artistas locais. Cruzando a Avenida de Castelao (“Este verán visitarei a Avenida Castelao, e mercarei no Alcampo un pantalón moi axustao” cantan Os Vacalouras) atopamos un barco no medio dunha rotonda. O Bernardo Alfageme inspirou revoltas populares, filmes (Marusía de Pedro Sancho) e tamén cancións (‘Alfageme’ de Cruceiro).

Baixamos a rúa Martín Echegaray ata topar co estadio de Balaídos, fogar de cancións celtistas como ‘Foliada do Celta’ de A Roda, ‘Unhas cores, un sentimento’ de Keltoi! ou ‘Z.A.R.’, homenaxe a Mostovoi de Nicolás Pastoriza. Sumarase C. Tangana a esta listaxe en breves co centenario do clube? Pronto o averiguaremos. Doutro lado da rúa está a fábrica de Stellantis, a Citröen de toda a vida. Alí, novamente Os Vacalouras, recoméndanos que vaiamos co seu ‘Marcha pra Citröen’.

REVISTA NOVEMBRO

E xa que estamos co cuarteto de Teis, a escasos dous quilómetros está a sede do Vitrasa, popular medio de transporte e protagonista do seu tema ‘Súbete ao Vitrasa’. Este autobús, no que “hai que ir ben amarrado se non tira contigo”, é o que nos leva a bailar o ‘Rock en Samil‘ dos Siniestro Total. A principal praia de Vigo é fonte de disputas territoriais entre portugueses e vigueses, como demostran os temas de ‘O Samil é Portugal’ de, como non, Os Vacalouras coa lenda lusa Quim Barreiros (“O Samil non é de Vigo, foi conquistada legalmente pola xente do sur do Miño”), e novamente ‘Tu amigo de Vigo’ de Dani Cornes: “Samil es nuestra playa, si vienen portugueses les escupo en la toalla”. Desde o areal, no que desemboca o río Lagares e as súas “aguais fecales”, como canta Pastoriza en ‘Anochece en el Berbés’, observamos as illas Cíes, testemuñas da fin da época do “amor, paz e harmonía” (‘Matar jipis en las Cíes’ de Siniestro) e de avistamentos alieníxenas (‘Ovnis entre Cíes y Nigrán’ de Nicolás Pastoriza e Iván Ferreiro), posiblemente os mesmos que tiñan a base en Rande. Para rematar, a nosa ría acolle temas instrumentais como ‘Vigo Bay’ de Minotaur Shock e ‘Godzilla na Ría’ de Transilvanians, ademais do paso do Nautilus do capitán Nemo (‘Nautilus’ de Os Resentidos) e das numerosas adaptacións do texto de Martín Códax ‘Ondas do mar de Vigo’, como as realizadas hai pouco por Amaral ou Laura LaMontagne & PicoAmperio).

OUTRAS CANCIÓNS

‘Cumbia china’ de Os Resentidos
‘O Belén da Caixa’ de Os Resentidos
‘No amanece en Bouzas?’ de Los Enemigos
‘El primer vigués en el espacio’ de Morgadance
‘Contrabando de amigo’ de Na Lúa
‘Algún día caeré’ de Los Cafres
‘Ritmos’ de Unión Penosa
‘No somos de Monforte’ de Siniestro Total
‘1923’ de Keltoi!
‘Miss Saigón’ de Iván Ferreiro

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.