CAMELIAS MASCOTAS

As asociacións Alborada, Amfiv, Discamino e Érguete participarán no Festival de Cine Inclusivo

Catro asociacións viguesas: Alborada, Amfiv, Discamino e Érguete, van a ter o seu espazo no Festival de Cine Inclusivo con proxeccións e actividades.

Fotograma de Acero5 o documental autobiográfico do director do festival Gonzalo Suárez.

A proxección de dous documentais realizados coincidindo co aniversario das asociacións Alborada e Discamino, dedicadas a traballar con persoas drogodependentes e con algún tipo de discapacidade, respectivamente. O filme autobiográfico de Gonzalo Suárez, director do festival, que tras quedar en cadeira de rodas entra a xogar no equipo do Amfiv; e unha charla sobre a dependencia ás pantallas a cargo de expertas da Asociación Érguete, son algunhas das actividades que poderemos asistir en Vigo a próxima semana grazas ao Festival de Cine Inclusivo de Vigo.

O festival acolle a estrea do documental Alborada, o xoves 20 no Auditorio do Concello dentro da sección VIG-IN DOC, Documentais internacionais pola inclusión. Alborada conta a historia desta asociación que naceu en 1982, promovida por un grupo de cidadáns preocupados pola irrupción do consumo de drogas, que afectaba especialmente á xente máis nova. O documental dirixido por Javier Álvarez e Helena Ocampo, dá unha visión intimista do traballo e as problemáticas que se atopan na asociación a través de declaracións exclusivas de traballadores e internos. Na proxección participarán os directores do filme e Jesus Cancelo, director da Asociación Alborada.

REVISTA NOVEMBRO

O mesmo día, pero no Museo MARCO dentro da sesión de curtametraxes arredor da discapacidade, proxectarase o documental 10 anos de Discamino, dirixido por Víctor Bello é que narra a historia deste proxecto que comezou hai unha década coa peregrinaxe de Gerardo González, xordo-cego, a Santiago. A proxección deste documental será o xoves ás 18h.

O venres 21 estrearase en Vigo o filme Acero5, que narra a historia en primeira persoa de Gonzalo Suárez, director do festival, desde que no 2006 sufre un accidente de tráfico que lle causa unha lesión medular. A vida de Gonzalo dá un xiro e para non estar tan solo decide practicar baloncesto en cadeira de rodas no famoso club vigués AMFIV. Este club naceu no 1982, coa idea de potenciar ás persoas con algún tipo de discapacidade física a través do deporte. Despois da proxección da película, que terá lugar nos Cines Salesianos ás 21h, haberá un coloquio co director.

A fundación Érguete participa na sección Coñece!, dedicada a escolas, o mércores día 19. Ás 11 da mañá alumnos de diferentes institutos acudirán á proxección do filme Her no Auditorio do Concello. A película de Spike Jonze, que conta a historia dun home que se enamora do seu sistema operativo, servirá para falar da adicción ás pantallas. A pedagoga María Novelle e a especialista Laura Durán da Asociación Érguete explicarán o traballo que fan desde a asociación con persoas que sofren calquera tipo de adicción, incluída a tecnolóxica.