CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

O colectivo FANECA quere organizar unha “festa das asociacións”

O colectivo FANECA, unha iniciativa formada polos espazos ALGA, CUBO E MUTA, organiza este 3 de xuño ás 19:00 neste último lugar unha reunión co fin de celebrar unha “festa das asociacións” a mediados de setembro. O obxectivo é darlle visibilidade a todas aquelas asociacións e colectivos que queiran participar.

CAMELIAS NADAL
Fotografía dun evento pasado en MUTA | MUTA

Nun espazo bastante acoutado do centro vigués atopamos tres espazos con inquedanzas culturais: CUBO, MUTA e ALGA. Nestes tempos tan convulsos decidiron unir esforzos e impulsar xuntos proxectos culturais e sociais, deixando de lado os individualismos para fortalecer o colectivo. Así nace o colectivo FANECA e esta idea da “festa das asociacións”, que este 3 de xuño ás 19:00 en MUTA terá unha primeira reunión informativa co fin de poder organizarse a mediados de setembro.

A idea principal nace de Alfons Freire, rexente do espazo CUBO: “Por aquí pasaron presentacións de libros, charlas ou reunións de distintas asociacións ecoloxistas, sociais, feministas… A maioría das veces vin que participaban persoas moi diversas, e as súas ideas en moitos casos tiñan moitos elementos comúns e, ao mesmo tempo, enfocaban o seu traballo nunha determinada dirección”. Esta festa pretende reunir a todas esas asociacións para que poidan compartir experiencias e atopar maneiras de colaborar para reforzar os discursos a favor da diversidade e en defensa da visibilidade de persoas ou colectivos que sofren de situacións de desigualdade. Ao mesmo tempo, quere servir de altofalante de todo ese traballo moitas veces voluntario e oculto. Mostrar á cidadanía os programas e os proxectos de cada asociación e aproveitar para facelo o máis público posible.

Polo momento xa hai 15 asociacións confirmadas para a charla informativa de xuño, o cal parece augurar unha gran acollida á proposta de FANECA. A participación é de balde e cada asociaicón gozará dun espacio propio onde presentar e dar a coñecer as súas propostas. Para inscricións e máis información podedes escribir a cubovigo@gmail.com