CAMELIAS MASCOTAS

Girando por salas trae catro bandas a Vigo este outono

O circuito nacional de música ao vivo Girando por Salas trae catro concertos a nosa cidade este outono. Colectivo Da Silva, María Guadaña, Zetak e Suu actuarán entre outubro e novembro en diferentes salas de Vigo.

A duodécima edición do circuíto Girando por salas programa este outono 88 concertos por todo o Estado. Seguindo coas cifras, de 908 artistas inscritos seleccionáronse 26 nomes. Entre eles, o do músico vigués Pablo Lesuit, que non xoga na casa con esta proposta, porque un dos requisitos do circuíto é que os seleccionados actúen a un mínimo de 300 quilómetros lonxe da Comunidade Autónoma en que residan. Con isto, a organización quere potenciar os talentos musicais emerxentes alén do ámbito de influencia natural. Ademais, os artistas reciben unha axuda para a produción e promoción discográfica do traballo.

Grazas a esta iniciativa, as letras pegadizas dos granadinos Colectivo Da Silva poden soar o sábado 15 no bar Sinatra; os sete compoñentes desta agrupación formada en 2017 presentan o disco Casa Vargas, producido por Aaron Rux. A seguinte cita é o 5 de novembro coa actuación de María Guadaña na sala La Fábrica de Chocolate co disco Latidos y culebras (continuación de Remedios paganos, que foi un dos debuts máis prometedores do 2019); a xienense continúa mesturando a aridez do rock desértico coa exuberancia do folclore latino. A música electrónica chega da man do grupo navarro Zetak, que actúa o 11 de novembro na mosense sala Rebullón; con Pello Raparaz como cara visible, a agrupación non renuncia á melodía e luminosidade do pop no último disco, Zeinen ederra izando den. Pecha o ciclo a barcelonesa Suu, que presenta Karaoke en La Pecera o 12 de novembro; as oito cancións que compoñen este terceiro disco desta artista catalá teñen un dobre obxectivo: celebrar e desinhibirse.

REVISTA NOVEMBRO

Nesta ligazón podedes ver o calendario completo de #GPS12. Vémonos nas salas!

CONCERTOS GIRANDO POR SALAS EN VIGO

15 de outubro – Colectivo Da Silva (Sala Sinatra)
5 de novembro – María Guadaña (La Fábrica de Chocolate)
11 de novembro – Zetak (Sala Rebullón)
12 de novembro – Suu (La Pecera)

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.