‘Backstage’, de NegroLópez
Un músico está a piques de dar un concerto. Prepárase entre bambolinas antes de que a xente ocupe as localidades pertinentes, pero diversas complicacións atrasan o inicio do show: non sabe onde meteu o instrumento, perde as partituras, ponse nervioso… E todo porque o director é un pallaso! Backstage é o primeiro espectáculo de NegroLópez, compañía viguesa formada polo intérprete e clown Iván Davila e polo seu partner in crime, o músico e actor Brais Iriarte.
Dentro do programa Vigocultura 2022 para esta nova temporada escénica do Auditorio Municipal, Os «negrolas» presentan unha divertida proposta familiar onde o slapstick, a música ao vivo, o mimo e a interacción co público fan as delicias de grandes e pequenos. Charles Chaplin, Buster Keaton, Jacques Tati son algúns dos referentes dos que se serve o grupo para abordar nesta montaxe temáticas tan universais e importantes como o valor da amizade, a expresión libre das emocións e a comunicación.
José Faro, alias «Coti», asina a escenografía e a iluminación deste Backstage que, en palabras da compañía, «busca amosar a poética e a tenrura duns personaxes abocados ao fracaso cos que é sinxelo identificarse». E é que, moitas veces, o mellor dos espectáculos acontece tras o pano.
Data e hora: domingo 16, ás 18:00 h
Lugar: Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei)
Entradas: Giglon
Ernesto Is
Últimos posts de Ernesto Is (ver todos)
- ‘Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos’, de VACAburra - 31 Maio, 2024
- ‘Soñar al borde del precipicio’, de Anómico Teatro - 20 Maio, 2024
- ‘Helen Keller, a muller marabilla?’, de Chévere - 5 Marzo, 2024
- ‘O raro é que bailar sexa raro’, de VACAburra - 12 Decembro, 2023
- ‘Deadpan Karaoke’, de Ibuprofeno Teatro - 6 Novembro, 2023