Vigo: unha, grande e freak grazas ao Galician Freaky Film Festival
O Galician Freaky Film Festival pechou o sábado a súa sexta edición. Durante cinco días reuniu a amantes cultura underground con ganas de sorprenderse diante da pantalla grazas a unha coidada programación que aínda pode verse desde a casa no GFFF Online. Estas son algunhas impresións da contundente volta á normalidade do certame freak.
O sabado rematou unha edición máis do Galician Freaky film Festival, a sexta e a máis ambiciosa do certame ata agora. O festival, que celebrou as súas dúas primeiras edicións no supermercado abandoado do Mercado do Progreso trasladouse este ano á Praza Elíptica. Unha aposta arriscada polo estado de esquecemento no que se atopan as instalacións, pero que a toro pasado podemos afirmar que foi do máis acertada: os freaks desfrutaron das curtas máis bizarras, divertidas e arrepiantes en pantalla grande e a Sala de Exposicións Apostrophe, que facía de punto de encontro entre proxeccións, viviu os maiores días de afleuncia da súa historia.
Directores chegados de varios puntos de España, Francia e Rusia, a actriz Diana Peñalver, protagonista da desternillante Braindead, de Peter Jackson, e unha lexión de asiduos e curiosos ao festival de cine gamberro déronse cita arredor dun barril de cervexa, unha máquina recreativa vintage e a exposición La Línea General, que aínda pendura das paredes da sala.
É innegable que a gran pantalla de cine na que se desfrutou a “mandanga” audiovisual do GFFF tivo que ver no grao de desfrute. Tamén a comunidade creada arredor, sempre disposta a berrar á pantalla, bailar na butaca a cortinilla con música de Terbutalina, soltar escandalosas risotadas e aplaudir sanguinolentas masacres. Esa capacidade de comuñón arrdeor dunha actividade normalmente silenciosa e solitaria (ver unha película) é un dos grandes logros que o GFFF vén cultivando desde que naceu, afastándose premeditadamente da solemnidade sen renunciar á calidade do material proxectado.
“Mandanga da boa” é como define o director do GFFF a programación do certame, armada tras o visionado de centos de pezas ao longo do ano por un equipo de seis persoas. Festivais de cine fantástico da talla de Sitges ou Clermont-Ferrand e as seleccións dos Goya, Cannes ou os Óscar son algúns dos seus caladoiros habituais para a pesca de curtametraxes sorprendentes. Tamén están sempre cos ollos ben abertos a todo o que se produce en Galicia.
Case todo este material, complicado de ver nas carteleiras habituais, está agora dispoñible no GFFF online e pode visionarse na plataforma Festhome ata o domingo 9 de outubro. En total hai 49 curtametraxes internacionais divididas en bloques como “Cú torcido” , “Que carallo é isto”, “Arrepío” ou “Humor Freak”. Por onde empezar a velas? A semana pasada publicamos unha pequena selección de recomendacións dos programadores e o palmarés de gañadores pode ser outro punto interesante de partida.
Seguro que non foi unha escolla doada, pero o xurado do GFFF decidiu alzar como a curta máis freak a Hideous, unha peza con aire de videoclip que escala en nivel de esperpéntico a medida que pasan os minutos. Brutalia, days of Labour recibiu a mención especial pola seu perturbador xeito de retratar a sociedade capitalista actual. T’es morte, Helene recibiu o Premio Crea á mellor realización polo seu maxistral uso da cámara e habilidade para mergullarnos na historia a través do movemento. Está na sección “Arrepío”, pero ben podería formar parte da selección de “Humor freak” e esa é outra das súas virtudes. A curtametraxe máis turbia segundo o xurado e que mereceu o premio Neuronas Fritidas foi Calvin “pola súa capacidade de crear tensión sen ensinar nada e facer que nos poñamos no peor”. O premio Ben Dito, ao mellor guión foi para For Pete’s Sake, “pola súa divertidísima verborrea ao mellor estilo Monty Python”, algo no que tamén coicidiron os asistentes ao aplaudila como a curta máis divertida.
Está claro que Juan, Miriam, Nacho e Paula, algúns dos nomes á cabeza deste exército freak, superan cada edición as espectativas dos seus seguidores e seguirán traballando arreo para regalarnos cada ano “unha unha festa colectiva de amor ao cinema máis macarra, underground e surrealista”. Mentres esperamos pola sétima, podemos seguilos nas súas redes e canle de Youtube onde comparten coñecemento sobre películas e directores da historia do cine de culto.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024