Muse coroa Balaídos despois de 21 anos sen música
Pode que algúns recordermos a morte de Isabel II, como o día no que Muse tocou en Balaídos. Despois de 21 anos de barbeito musical, o estadio vigués viviu unha noite chea de enerxía que pasará á memoria colectiva e que sen dúbida formará parte da historia musical da cidade. [Fotos: P. Cermeño]
Ás 22:20 h o trío formado por Matt Bellamy, Christopher Wolstenholme e Dominic Howard saltou ao terreo de xogo vestindo unhas máscaras de metal e interpretando Will of the people, tema que abre o seu recén estreado noveno disco. A continuación, os máis ávidos puideron recoñecer os primeiros acordes de God save the queen, a única e acertada chiscadela que Muse lanzaría en toda a noite a recente noticia da morte da súa raíña. Desde o primeiro minuto Balaídos púxose en pé e xa non volvería sentar. Por diante, 90 minutos de Hysteria colectiva ante o concerto máis esperado do verán.
A banda británica estivo a altura e non defraudou tocando os temas máis coñecidos da súa carreira. Entre moito lume e confeti soaron temas como Psycho, Pressure ou Won’t stand down. Bellamy mostrou estar en plena forma. A través dunha pasarela central xigantesca os fans que o vían desde a pista podían sentir a poucos metros a súa mestría coa guitarra, comparable á de poucos outros. Os Muse xa encaraban a segunda parte do concerto cando fixeron corear a todo o estadio o seu hipercoñecido Time is running out. Despois viñeron temas como Supermassive black hole ou Uprising cos que fixeron botar as persoas que vían o show desde as gradas; que non puideron gozar da potencia que se vivía a pé de pista. Sobre o escenario erguíase unha xigante máscara articulada que se movía detrás dos músicos e que facía referencia ao seu último disco. Este elemento xunto ao despregue audiovisual reforzaron un espectáculo que destacau pola caña e a calidade musical.
Tras un pequenísimo descanso, o trío volveu saír ao escenario. Deixaron para o tempo de desconto dous dos grandes temas da banda: Kill or be killed e Knigts of Cydonia. Os británicos despedíronse e o estadio quedou coreando un masivo “oe, oe, oe”; o show rematara, pero as 17.000 persoas que o presenciaron o revivirán, como aquel día no que morreu a Raíña de Inglaterra e no que despois de dúas décadas a música volveu reinar en Balaídos.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024