CAMELIAS MASCOTAS

Wilfried Wilde: “Non sei se en Galicia o jazz ten moito público, pero si moitos músicos de gran nivel”

O quinteto dirixido polo músico francés afincado en Galicia Wilfried Wilde será o encargado de abrir a programación musical do XVI Nigranjazz, que se celebrará os días 29 e 30 de xullo no auditorio da foz do Miñor, na Ramallosa. O cartel complétase cunha gran presenza feminina: Lucía Fumero Trío, Ella Zirina Trío e Eve Cornelious Quartet.

Wilfried Wilde nun concerto | Cedida polo artista

Ao outro lado da liña telefónica, cun marcado acento francés, Wilfried Wilde rememora os seus inicios nisto do jazz: “Descubrino na miña adolescencia, con 14 anos, vendo en directo nun concerto de Nadal ao guitarrista de jazz manouche Biréli Lagrene”. Con todo, a súa relación coas seis cordas xa viña de atrás, pois comezou a estudar guitarra clásica con dez anos no conservatorio das Landas, no sudoeste francés. Como é habitual en moitos músicos a esas idades, o rock e o metal estaban moi presentes na súa vida.

Malia nacer e medrar musicalmente en Francia, foi en España, primeiro no País Vasco e despois en Galicia, onde máis se desenvolveu como instrumentista jazzístico: “A miña experiencia musical está moito máis vinculada con España”, afirma. Entre os seus referentes destaca, ademais do xa mencionado Lagrene, ao mestre do gypsy jazz, Django Reinhardt, artista belga de etna xitana considerado como o primeiro músico europeo que realmente influenciou aos pais deste xénero, os estadounidenses. Malia non saber ler música e ter dous dedos da man esquerda case inutilizados a causa dun incendio, os ecos da súa música chegan ata os nosos días, como é palpable na obra de Wilde. O guitarrista estadounidense Kurt Rosenwinkel ou os compositores franceses Claude Debussy e Maurice Ravel tamén deixaron unha fonda pegada nas súas creacións, afirma.

REVISTA NOVEMBRO

Este venres o seu quinteto será o encargado de abrir o XVI Nigranjazz. Unha banda formada polos galegos Xan Campos e Iago Fernández, o francés Charley Rose e a cubana Judith Almeida, que substitúe a Demian Cabaud ao contrabaixo. Temas compostos polo propio Wilfried para dar o pistoletazo de saída a un festival que conta tamén coas actuacións de Lucía Fumero Trío, Ella Zirina Trío e Eve Cornelious Quartet.

Curiosamente, a cidade máis grande de Galicia perdeu en 2018 o seu festival de jazz, o ImaxinaSons, mentres outras urbes e vilas, como Pontevedra, Ferrol, Lugo, Ribadeo ou o propio Nigrán manteñen interesantes programacións arredor deste xénero centenario: “Pola miña experiencia en Galicia, non sei se hai moitísimo público, pero si moitos músicos de gran nivel. Mesmo a nivel estatal hai moita presenza de músicos galegos. Quizais é unha das razóns polas que o jazz está tan presente en Galicia”, explica Wilde.

Ademais do jazz puro e duro, o guitarrista galo toca outros paus muscais en diferentes proxectos. En Azul de Bueu, actualmente parado, mesturaba o jazz coa música tradicional galega. Con Loiros, proxecto formado en Vigo en 2016 que continúa activo e do que pronto teremos noticias discográficas, explora paraxes máis distorsionadas como o rock alternativo, o grunge ou o postpunk.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.