REVISTA ABRIL

Manuel Jabois: “Dáseme ben facer preguntas porque son xornalista pero un novelista tamén ten que dar respostas”

O xornalista Manuel Jabois acaba de publicar a súa segunda novela ‘Miss Marte’. Falamos con el do libro e de como vive o seu éxito como xornalista e seus primeiros contactos co mundo literario.

Manuel Jabois | Alfredo Arias

Moitos coñeceredes a faceta xornalística de Manuel Jabois. As súas crónicas e reportaxes para El País e os seus espazos na Cadena Ser son seguidos por milleiros de persoas cada día. Pese ao éxito, Jabois non renuncia aos seus inicios no Diario de Pontevedra “O Jabois de éxito era o que traballaba no Diario de Pontevedra sen ter estudios, dábase cun canto nos dentes por estar facendo a cousa que máis lle gustaba e ter un soldo fixo… Para min foi un éxito da ostia. O que teño agora é unha repercusión, uns medios máis potentes ao meu alcance.” Pode que non tantos de vós coñezades a súa faceta como escritor. No 2019 debutaba como novelista con ‘Malaherba’, libro co que pronto acadou o beneplácito da crítica. Agora acaba de publicar ‘Miss Marte’, que está sendo acollido co mesmo entusiasmo.  

“De la novia se dijo que había aparecido en su propia boda de blanco ‘como si estuviese metida en una secta'”, así arranca Miss Marte. Un inicio contundente para un primeiro capítulo que te mete na historia rápido e no que o estilo está especialmente coidado “O primeiro capítulo é case un capítulo independente da novela, foi máis un exercicio literario… despois colleu forma e atopei o modo de desenvolvelo. Pero non naceu como o primeiro capítulo dun libro”, explica Jabois. 

REVISTA ABRIL

A novela narra a historia de Mai, unha rapaza que chega a un pobo da costa galega en verán, acompañada da súa filla. Ao finalizar o verán Mai non marcha, senón que namora e queda a vivir no pobo. A acción arranca o día da voda de Mai e Santiago cando a súa filla Yulia desaparece. Vinte e cinco anos máis tarde a famosa xornalista Berta Soneira viaxa a Galicia para facer un documental no que recrear o que sucedera aqueles días no pobo.  “Quería contar a historia sobre algo que aconteceu hai tempo. Interesábame falar do paso do tempo nesas personaxes, intentar reconstruír algo tan difícil como unha voda. Sabía que ía desaparecer unha nena porque creo que non hai maior espanto. A partir de aí comecei a escribir de corrido os seis primeiros capítulos practicamente. Pero cando vén o mambo e hai que comezar a dar respostas, xurdiron os problemas. Facer preguntas a min dáseme moi ben, que son xornalista. Pero hai un momento no que o novelista ademais de facer preguntas ten que dar respostas polo menos da historia… Houbo un parón que ademais coincidiu co confinamento, non había concentración. Despois do verán púxenme a escribir e xa comezaron a saír todas as respostas.” 

Jabois tampouco deixa escapar a oportunidade de sacar a colación un dos temas que máis nos obsesionan aos xornalistas que é poder diferenciar entre a verdade e a realidade ou se é posible ser obxectivos. “Todo o que pasou hai media hora xa o contamos dunha maneira diferente. Imaxínate algo que pasou hai 25 anos, máis tratándose dun feito tan traumático. Esa distorsión ten moita máis importancia e relevancia. A xente prefire quedarse cos detalles inventados, formar unha lenda negra, as veces por salvarse, por ter unha certeza ao lado aínda que sexa mentira para non seguir dándolle voltas ao que aconteceu naquel momento”, sinala o xornalista pontevedrés. E relaciona este comportamento co éxito das fake news. “Estamos nun tempo moi difícil. As noticias que mellor nos sentan son menos dignas de ser contrastadas que as que nos sentan mal. As veces a mentira actúa como un produto de homeopatía, isto non é verdade pero como nos senta ben e atenúa a dor o aceptamos. Iso non é só perigoso para a xente que le esas noticias senón tamén para esa xente que produce esas fake news que de repente que ve hai un público capaz de crerse calquera cousa”.

Miss Marte é un libro de lectura rápida, pero con tantos matices que podemos reler sen caer no aburrimento. “Cando escribín o libro pensaba que o final non se ía adiviñar, pero hai moita xente que o ve chegar. De tódolos xeitos, pretendía facer unha historia que non fose só un truco final. Se se sospeita do final que a historia teña máis capas máis alá do misterio.” Jabois o consegue e se vos gusta estades de sorte porque ten pensado continuar coa súa faceta de escritor de ficción: “Non sabía que pasaría despois de ‘Malaherba’. Era un territorio inexplorado para min, eu estaba contento e feliz co meu traballo nos xornais… sobre todo coas circunstancias que hai no xornalismo: a precariedade, o paro… eu son un privilexiado. Pero ao final fas aquilo que te asusta, aquilo que te dá medo. ‘Malaherba’ era unha bala que tiraba eu a ver se funcionaba ou non, despois animeime e creo que agora si que me apetece seguir. Teño historias na cabeza, teño tempo e podo facelo.”

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.