Festa rachada con Ortiga e Grande Amore no Festival TerraCeo
Xisco Feijoó, A Banda da Loba, Verto, Sés, Familia Caamagno… O Festival TerraCeo está a apostar con firmeza nesta edición pola música feita aquí. É o caso do concerto do próximo sábado 30, cando a terraza do auditorio albergará os espectáculos de dous dos referentes da música galega dos últimos anos: Ortiga e Grande Amore. Falamos con Chicho e Nuno nunha conversa chea de humor.
“Escoitei este álbum e acordeime de ti”. Esta mensaxe enviouma un amigo do meu irmán que vive en Suíza. O disco en cuestión é o debut homónimo de Grande Amore, nome italoartístico de Nuno Pico. Máis aló da anécdota, a súa música está a traspasar fronteiras e a falarlle de ti a ti a unha xeración desacougada. “‘Esta pena que a veces teño’ é un himno xeracional. Cando ma mandou pensei ‘bua, que animalada!'”, comenta Chicho sobre a canción do seu amigo e compañeiro en Los Rastreadores. “A min tamén é a que máis me gusta, pero non sabía se lle ía a interesar a alguén”, engade entre risos Nuno.
Este domingo 30 poderemos ver por separado (e xuntos, porque seguro que algunha colaboración cae) a Ortiga e Grande Amore, dous proxectos ben distintos pero cunha moi boa acollida tanto de público como na prensa especializada. Ademais das súas carreiras en solitario e dos seus proxectos paralelos (Boyanka Kostova no caso de Chicho, Oh! Ayatollah no de Nuno), ambos formaron Los Rastreadores, nome baixo o que xa publicaron un EP de seis temas que van desde o pop melódico italiano en ‘Mondo dolore’ ata a música de rave en ‘Fiesta chill’. Con todo, non lles convence esa etiqueta tan utilizada en Estados Unidos de supergrupo, que engloba ás bandas formadas por artistas que xa lograron éxito con outros proxectos previos. Segundo eles entrarían dentro desta lista grupos galegos como Unicornibot, a Orquestra Metamovida, Moura, Savvna ou Cuchillo de Fuego.
A súa complicidade é palpable tanto dentro como fóra do escenario. Chicho destaca de Nuno as súas letras, “as máis abraiantes que hai”, e pensa que “ambas propostas, a nivel actitude e cada unha no seu estilo, son parecidas. Dá gusto ter un irmán que te entende e que te apoia cando tes un problema”. Pola súa parte, o que máis admira Nuno do seu colega é “o resolutivo e decidido que é á hora de compoñer”. Según di, ata sente envexa “da mala” pola súa facilidade á hora de facer melodías e cancións pop, e destaca como a súa favorita ‘Nanana’. Malia as diferenzas, ambas traxectorias seguen unha estela paralela, pois os dous artistas comezaron as súas carreiras tocando en bandas ben distintas do que fan agora. Chicho no metal e Nuno no punk, na actualidade optan por acompañar as súas letras por bases electróncias programadas co ordenador. E así a defenden en directo, sen ningún tipo de pudor ou arrepentimento.
Estes últimos días xurdiu un debate nas redes, a raíz da xira Motomami de Rosalía, sobre a ausencia de instrumentistas durante o concerto. É preciso que a música sexa intrerpretada en directo por instrumentos analóxicos para ser considerado como tal un concerto? “Eu estou entre dúas terras. Por unha parte levo dentro un señor pureta que pensa que o único que mola de verdade é Motorhead, aínda que tampouco fosen Chopin tocando os instrumentos. Por outra banda estou fodido porque eu son tal cal o que dixo o señor ese [refírese ao xornalista musical Fernando Neira] do karaoke. Tamén o facía Alan Vega, un dos iconos do punk, e sen fallo. Estes enfrentamentos entre o vello e o novo sempre existiron”, explica Grande Amore. Ortiga opta polo surrealismo para dar a súa opinión sobre o asunto: “É como intentar que unha galiña sexa un velociraptor e viceversa, non ten sentido. Baixo esa mentalidade estaste a cargar o 80% da música actual. Con instrumentos é moito máis difícil a nivel económico e loxístico, polo que eu o vexo máis como unha adaptación para a propia supervivencia. Todo o que eu escoito agora son puros maquinillos, é onde me sinto identificado”.
Como elemento estrella en la puesta en escena figura el cámara que persigue a Rosalía durante todo el espectáculo. Es decir: no solo asistimos a un karaoke, sino a un karaoke televisado. Rosalía elude la opción de comunicarse directamente con 17.000 almas. Es un selfi andante
— Fernando Neira (@fneirad) July 20, 2022
O amigo do meu irmán, o de Suíza, engadiu respecto a Grande Amore: “Prestoume que un tipo de Lugo fixese algo así en galego”. É un sentimento habitual. Esa sorpresa cando escoitamos algo que nos gusta e (vaia!) é de Galicia. Ás veces ata dicimos que “non parece de aquí” como cumprido, cando é xusto o contrario. “Non é preciso saír de aquí para valorar o que temos, porque o de aquí per se xa esta guapísimo, pero cando saes aínda o aprezas máis”, di Chicho. Segundo Nuno, moita xente do seu arredor non valorou a súa proposta ata que saíu nalgún medio do resto do Estado: “Veciños meus de Burela, que me coñecen de sempre, non empezaron a escoitar Grande Amore ata que lles coincidiu en Radio 3 no programa de Carmona”, lembra. Un sentimento de inferioridade que, aínda que cos anos semella ir minguando, todavía continúa presente na nosa sociedade. De feito, a súa actuación no TerraCeo do día 30 contraprograma o concerto en Castrelos das artistas galegas máis famosas do último ano, as Tanxugueiras. “Uf, non vai vir nin Dios a vernos”, láiase entre risos Nuno ao recibir a nova. Non deixedes que iso aconteza.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024