VIALIA
bannerPicnicSesions

Festa rachada este sábado en El Contrabajo Club con tres concertos

Este sábado vaise liar unha boa en El Contrabajo Club. Para celebrar o cumpre do seu novo xerente (desde xuño do 2019), Pablo Lorenzo, teñen preparados nada máis e nada menos que tres concertos: The Broke ás 19:00 e, a partir das 22:00, La Tronka Jazz Quartet e Javi Maneiro, vocalista de Heredeiros da Crus. Falamos con Pablo do que ten preparado para o seu aniversario e das súas sensacións aos mandos da mítica sala viguesa.

Rafa Chao e Pablo Lorenzo, antigo e actual xerentes de El Contrabajo

Levas xa máis de medio ano ao fronte de sala, que valoración fas deste tempo?

Estar á fronte de El Contrabajo é un soño feito realidade. A verdade é que estou moi contento con toda a xente que estou a coñecer, e con toda a música que estamos a programar. É verdade que en canto a público, a cousa vai mellorando moi lentamente, pero cada mes conseguimos que algunha xente que nos visita por primeira vez, continúe visitándonos, polo que pensamos que a tendencia é lentamente positiva. Seguimos traballando con moita ilusión, temos moitos proxectos e cousas interesantes en mente e estou seguro que seguiremos sumando público pouco a pouco. Programaremos para todo o mundo, tocando todos os xéneros posibles e para todas as idades posibles. Faremos algunha exposición de arte, faremos cousas para nenos e neste 2020 buscamos que El Contrabajo sexa a casa da música Folk e Tradicional Galega en Vigo.

Por que escolliches a estes tres artistas para a túa festa de cumpreanos?

The Broke foi un dos primeiros grupos que tocaron na nosa etapa en El Contrabajo. Desde o primeiro día conectei coa súa música, e creo que dos grupos que tivemos son dos que máis se achegan ao meu estilo de sentir a música. Creo que teñen un gran futuro por diante, iso é o que eu desexo desde logo.

A Tronka Jazz Quartet é un dos grupos cos que máis disfrutei no seu paso polo noso espazo en agosto, e foi ese mesmo día que lles dixen que contaba con eles para o meu aniversario. Ademais, desde entón recibimos varias visitas dos seus integrantes na sala e estamos a construír unha relación moi boa con eles. Son xente magnífica, sincera e directa que merecen o mellor.

Por outro lado, Maneiro sempre foi un obxetivo noso dende que empezamos a programar. Levamos varios meses falando con eles e todavía non se poidera pechar unha data. Cando empecei a organizar o aniversario pensei en proporlle por primeira unha data en firme e finalmente chegamos a un acordo. Ademais de que me encanta o seu traballo en solitario, forma parte da miña infancia e da miña adolescencia co seu grupo, Heredeiros Da Crus, polo que é algo xenial e moi divertido poder telo con nós. Creo que será un gran día de música ao vivo. As cousas positivas hai que celebralas sempre, e 35 anos sempre son positivos.

Javi Maneiro nun concerto de Heredeiros da Crus na Porta do Sol, este verán | Pablo V.

Destacarías algún concerto en especial de todos os que levas programados estes meses?

A verdade é que para min calquera concerto en directo paga a pena, sexa cal sexa o resultado e sexa cal sexa o xénero. É un auténtico soño poder gozar de todos os artistas que pasaron por El Contrabajo. Sanny, que estivo a principios de ano con nós, deixoume flipado coa súa voz, coa súa forma de actuar e de tocar a armónica.

Se teño que citar algúns máis, ademáis dos xa citados The Broke e Tronka Jazz Quartet, direi que Veintiuno, Cityspark ou os recentes Verona sorprenderonme moi gratamente. Pero O CONCERTO en maiúsculas, foi o que protagonizaron os Irmáns Cunha e A Madriña o 23 de decembro, no que vivimos moito humor, moita música e un gran ambiente. Outros colaboradores asiduos coma Nillo Nández, Adrian Timms ou os Elephants Yard tamén merecen mención especial, sempre aportando maxia ao noso esceario.

E dos que están por vir, algún que che faga especial ilusión?

REVISTA ABRIL

Temos moitas cousa xa pechadas para os primeiros catro meses de 2020 e hai cousa realmente interesantes. O 14 de febreiro contaremos cun máis que interesante concerto de AFF60 + Jay Doe and The Blues Preachers, dentro do Ciclo Club Estrella Galicia. En marzo teremos a Luís Fercán presentando o seu terceiro disco e ao grupo Ayoho, de Cartaxena, que veñen pegando forte desde que en 2014 gañaron o Vodafone Yu Music Talent. E en abril destaco o venres 17 coa visita desde Madrid de Antonio Ferrer para presentarnos o seu novo disco La verdad ou a visita de Corazones Eléctricos o 25 dese mes na sua xira española “Arte y Oficio”.

Ademais do apartado musical, hai pouco anunciaches que haberá un curso de debuxo para nenos. Como xorde esta idea? Tes pensado montar máis obradoiros ao longo do ano?

Un dos nosos obxetivos é abrir o noso espazo a todo tipo de público. En breve estrearemos unha exposición de fotografía de concertos e temos bastante avanzada a negociación para facer unha exposición cunha artista galega de cadros con temática musical. Con ese obxectivo na cabeza, pensamos que os nenos tamén teñen que coñecer El Contrabajo, e ademais dos obradoiros de comic desde xaneiro ata xuño, contaremos con Laura, unha contacontos que estará con nós o 8 de febreiro. Estamos avanzando en máis cousas para os nenos nos seguintes meses.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.