CAMELIAS MASCOTAS

O talento local e foráneo resoa na nova tempada da Orquestra Vigo 430

A Orquestra Vigo 430 presenta a súa nova tempada 2022/23 baixo o nome Múltiples resonancias, un título que fai referencia ás diferentes influencias estilísticas e propostas musicais que teñen cabida e conforman os oito concertos que se desenvolverán, a razón dun por mes, entre o próximos outubro de 2022 e maio de 2023.

A OV430 durante un concerto en xaneiro | Orquestra Vigo 430

Como é habitual, a orquestra combinará o talento local co foráneo, contando cun gran elenco de solistas como o dúo Grimm, viola gambista Amarilis Donas, a violinista Maya Levy ou a oboista galega Iria Folgado, ademais do multi instrumentista Sergey Malov e o violinista Jonian Ilias Kadesha, quen levará todo o peso dos seus respectivos programas como directores e solistas. A orquestra contará tamén coa súa actual directora asociada, Isabel Rubio, así como co director Vicent Alberola, cos que abordará o repertorio máis sinfónico.

REVISTA NOVEMBRO

Poderemos asistir a propostas artísticas tan diferentes como o minimalismo e o coidado polas sonoridades que os vigueses Múltiple Ensemble aplican á música de nova creación. Poderemos escoitar tamén as bandas sonoras dos máis soados videoxogos da historia nun concerto deseñado pola especialista Erea Carbajales, para o que se contará coa colaboración do popular gamer e youtuber León Picarón quen, a modo de solista, xogará unha partida en directo co acompañamento da gran formación sinfónica.

Tamén poderemos asistir a un vibrante relato de espadachines ambientada en pleno século XVIII nun concerto no que, ademais da narración do escritor Miguel Alonso, presenciaremos a representación dun duelo a cargo de membros da Sala Viguesa de Esgrima Antiga. Nos meses de febreiro e marzo veremos de preto a xenialidade da visión musical coa que músicos como Jonian Ilias Kadesha e Sergey Malov abordan a música do período do clasicismo, no que constitúe un auténtico mini ciclo clásico de primavera.

Aínda que o título da tempada non fai expresa referencia a esta circunstancia, os concertos que a conforman resoarán enchendo múltiples espazos da cidade, como os de A Sede, o Auditorio Mar de Vigo, Auditorio Martín Códax ou o Auditorio Municipal do Concello. As entradas estarán dispoñibles en breve na plataforma Ticketrona, reservándose como sempre as habituais vantaxes para os amigos e protectores da orquestra. Toda a información pódese atopar na páxina web do conxunto.