The Wild Cinema celebra tres xornadas de proxeccións ao aire libre
O festival internacional The Wild Cinema celebra a súa cuarta edición entre o 8 e o 19 de xullo, dentro da programación de The Wild Fest, e afiánzase como a única mostra de cinema medioambiental que se celebra en Galicia actualmente. A xoia desta edición é Eating our Way to Extintion, un multipremiado documental coa voz de Kate Winslet.
Por cuarto ano consecutivo o festival multidisciplinar The Wild Fest acollerá The Wild Cinema, unha mostra de cinema medioambiental que aborda temas como a ecoloxía, o activismo, a vida salvaxe ou o deporte de aventura na natureza. Os filmes serán proxectados nunha gran pantalla instalada no merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia, ao aire libre e rodeados de natureza.
A programación estará dividida en catro sesións: dúas o venres (18 e 19:30h), unha o sábado (15h) e outra o domingo (17:30h). Para acceder o venres e o sábado será preciso ter a entrada a The Wild Fest, que pode comprarse na web do festival. O domingo a entrada é de balde a todas as actividades, incluído o cinema.
A escolma está formada por títulos españois e internacionais, seleccionados pola súa capacidade para facernos empatizar cos problemas derivados da intervención humana na natureza, plantexarnos as nosas accións diarias ou deixarnos coa boca aberta ante a pericia de certos deportistas de aventura ou a beleza do noso planeta.
Destaca o documental Eating our way to extintion, peza gañadora do festival Suncine de Barcelona en 2021 que aínda non foi proxectada en Galicia.un documental producido e narrado por Kate Winslet que percorre o planeta recollendo voces populares e expertas sobre os efectos devastadores da industria alimentaria. Será proxectada na sesión do sábado a mediodía.
Tamén poderemos ver Stolen Fish, unha curta documental sobre a explotación da costa de Gambia por parte das fábricas chinesas de fariña de peixe, poñendo en perigo a principal fonte de riqueza e alimentación do país máis pequeno de África. Unha curta dirixida pola polaca Malgorzata Juszczak e tamén premiada en Suncine, así como Sheffield International Documentary Festival, en Reino Unido ou Tallinn Black Nights Film Festival.
Ofelia de Pablo e Javier Zurita codirixen dúas das curtas que serán proxectadas: Doñana´s Beating Heart e Sharing the Land. Doñana´s Beating Heart afonda na delicada situación do lince ibérico no maior humedal de España coa apertura do parque nacional a cazadores, agricultores e moreas de turistas. A historia está contada polas persoas activistas que denuncian a situación e traballan para evitar que Doñana entre na lista de Patrimonio mundial en perigo da UNESCO. Sharing the Land aborda a delicada situación do lobo ibérico e a, ás veces non moi harmoniosa, convivencia da especie cos pastores e o gando. Foi galardoada no Wildscreen Festival de Reino Unido.