Begoña Riobó: «Galicia non se pode limitar a gaitas e pandeiretas»
Este ano, a primeira orquestra folk de Galicia SonDeSeu festexa o vixésimo aniversario. Begoña Riobó (Vigo, 1978), está na formación desde o inicio, e agora encárgase da sección de violín. Leva toda a vida dedicada a demostrar que con ese instrumento tamén se pode tocar música tradicional e, ademais dos seus propios proxectos, participou nas agrupacións doutros músicos como Carlos Núñez ou Susana Seivane. Recíbenos na aula de arpa da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (ETRAD); o son das zanfonas ensaiando nunha aula contigua acompáñanos durante toda a conversa.
Ao pensarmos en música tradicional galega, véñennos á mente gaitas e pandeiretas; pero é raro que pensemos nun violín.
Hai certos instrumentos que actúan como bandeira, e a gaita é ese instrumento. Logo está o mundo da pandeireta, que está vencellado a outro xeito de facer música. Pero si que se tocaba o violín en Galicia; temos a figura dos cegos que para gañar a vida tocaban música para o baile, como muiñeiras e xotas co violín. Ao final, a música tradicional faise co instrumento que se ten. As pandeireteiras, por exemplo, tocaban calquera cousa; como non todas tiñan unha pandeireta, empregaban latas, tixolas… Se eu toco un instrumento que non é a gaita e quero tocar música tradicional, podo facelo porque eu son a chave; se eu son galega e teño esa linguaxe, pódoa transmitir con calquera instrumento.
E como te puxeches a tocar o violín?
Empecei bastante tarde: aos 15 anos. A esa idade, meterme no conservatorio era inviable, entón asistín a clases particulares cunha mestra que acababa de chegar de Letonia. Penso que tiven sorte, probablemente no conservatorio non me deixarían tocar outros tipos de música, mentres que á miña mestra iso dáballe igual. Desde pequena estiven vencellada á música tradicional, así que entrei de xeito natural; cando empecei a tocar un instrumento, quixen tocar esa música.
No ano 2000 empezas a dedicarte profesionalmente á música. Como foi ese salto?
Miña irmá estaba estudando gaita no conservatorio, baixo a docencia de Carlos Núñez; ela comentoulle que eu facía por tocar co violín os temas que ela practicaba coa gaita. Penso que el sentiu curiosidade, porque non era algo habitual, entón coñecémonos. Viume co violín e despois chamoume para tocar nuns concertos na Coruña, patrocinados pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Ao final, por diversas carambolas, acabei tocando con el varios anos.
Foi aí cando decidiches que te querías dedicar á música?
Nin o pensaba! Pero grazas iso decateime de que a música formaba parte de min dun xeito máis grande do que eu pensaba.
Como é empezar a traballar con alguén como Carlos Núñez?
Foi montar nun tren en marcha. Eu tiña 21 anos e houbo que poñerse a funcionar moi rápido, pero o ambiente era agradable. Aprendín o que é estar encol dun escenario, facer unha proba de son, os problemas técnicos á hora de amplificar o instrumento, as viaxes… Foi unha aprendizaxe ver como se facían unhas cousas e tamén me serviu para ver outras que igual prefería facer doutro xeito.
Sendo unha das fundadoras de SonDeSeu, poderasnos contar como xurdiu a orquestra…
Eu estaba aquí, na ETRAD, estudando violín con Alfonso Franco e nunha práctica orquestral xurdiu a idea de xuntar as diferentes aulas e fixéronse uns arranxos para ver o que podía saír de aí. O proceso creativo foi moi bonito, no ano 2000 fixemos a audición de fin de curso e ese foi o primeiro simulacro do que foi a orquestra, e a resposta do público foi alucinante. Para nós era algo novo, pero tamén para o público, porque non eramos unha orquestra convencional e non había unha agrupación tan numerosa que fixese música tradicional. Deuse unha conxugación astral: había tal enerxía que tivemos claro que había que seguir adiante.
Como evolucionou a orquestra en dúas décadas?
Ao primeiro non había sección de buzukis, as requintas chegaron cando estabamos rematando o primeiro disco, e ultimamente engadíronse os contrabaixos. Ademais medrou considerablemente en número de músicos. Seguimos evolucionando, porque cada vez os músicos están mellor preparados e podemos facer cousas máis complexas.
Como foi o concerto polo vixésimo aniversario, celebrado en maio no Teatro Afundación?
Foi moi especial, porque aínda que non todos os membros da orquestra son de Vigo, o grupo naceu aquí. Ademais fíxose nun espazo tan especial coma o teatro de García Barbón. Ver as butacas cheas, recoñecer entre toda a xente familiares, amigos, colegas… Recuperar un repertorio que había tempo que non tocabamos e que tocado agora, nunha agrupación moito máis grande, soa diferente. Sobre todo destacaría o público, que foi sobresaliente.
Que continuidade lle vedes á orquestra?
Se hai xente que quere estar no grupo e hai enerxía, hai que aproveitar iso. Hai moi poucas cousas parecidas a esta orquestra; en España non hai algo similar, e en Europa hai moi poucas e naceron inspiradas nesta. Penso que a agrupación ten que seguir para que a xente se decate do poder da música tradicional, que non ten límites; esta orquestra fai que baile xente por todo o mundo.
Estudaches na ETRAD, onde agora es mestra, pero esta escola continúa a pasar bastante desapercibida en Vigo…
Esta escola é un sitio moi especial. Para nosoutros é moi importante que a xente se decate de que a música é algo inherente a nós; é como saber falar ou escribir, todos somos seres musicais. Temos moitísimos alumnos que, ao remataren, se inician noutra especialidade. Aquí créase un ambiente moi bonito e solidario, non competitivo. O importante é aprender, porque calquera cousa que fagamos vai estar ben para poder acompañar o resto. Non hai moitas escolas promovidas por concellos ou con cartos públicos coma esta, e penso que a cidade podería presumir disto, porque ademais funciona e á xente préstalle moito estar aquí.
Dás por rematado o proxecto que mantiveches entre os anos 2013 e 2017, Riobó?
O grupo Riobó naceu coa intención de buscar un xeito de tocar co violín que se recoñecese como galego. Comezar un grupo no que, aínda que houbese unha gaita, a pedra angular fose o violín. Fixemos dous discos, eu estou moi orgullosa do traballo feito, pero non podiamos seguir o quinteto que formabamos o grupo e pensei que era mellor deixalo aí. Neste momento teño un dúo, Pärbo, con Anxo Pintos. É un novo mundo porque os dous tocamos instrumentos melódicos, eu quero experimentar todas as posibilidades que podo ter tocando o violín.
Estás na organización do San Simón Fiddle Camp, da asociación Galicia Fiddle. En que consiste ese campamento?
A idea foi de Alfonso Franco, que viu que era necesario traer instrumentistas de corda doutras partes para que os músicos de aquí visen que había outros xeitos de tocar. Creouse o campamento na illa de San Simón para darlles unha oportunidade a eses nenos que querían deixar de tocar, porque a ensinanza regulada ten ese punto competitivo e esa ansia por cumprir con certos obxectivos, perdendo a compoñente lúdica de tocar un instrumento musical. No campamento os rapaces decátanse non só de que lle gusta a música, senón de que lles gusta tocar o instrumento; entenden a música desde outra perspectiva. É un orgullo velos medrar e agardo que sexa un lugar de sementeira por moitos anos.
Como ves o panorama actual, no que xorden voces anovadoras da música tradicional?
Hai un movemento claro de recuperación da música vocal e penso que é xusto, porque podemos dicir que o sesenta ou o setenta por cento do repertorio galego é música cantada por mulleres, que merecían que se puxese en valor. O que pouco a pouco está comezando a sacar a cabeza son o resto dos instrumentos, porque ao final Galicia non se pode limitar a gaitas e pandeiretas. No caso do violín hai casos interesantes, como o de Antía Caamaño, do dúo Caamaño&Ameixeiras; outra rapaza que está facendo cousas moi chulas é María Jorge, co trío Caldo, que estivo no Fiddle Camp, e é moi interesante ver que lle demos unha serie de ferramentas que ela agora usa como quere; tamén está aí Cibrán Seixo. Son tres persoas que están facendo cousas moi diferentes co violín. Irán saíndo outros instrumentos, pero agora é o momento da música vocal e ten que tirar para adiante, porque hai moita música por sacar.
Tanxugueiras son as grandes representantes da posta en valor da música das pandeireteiras, non?
O fenómeno das Tanxugueiras vai alén da música, porque ademais ten unha valía moi importante para a lingua. Eu teño sobriñas que non só non falan en galego, senón que mesmo lles custa entendelo; iso é un problema bastante grave, pero é que no seu ocio non está presente a nosa lingua. As Tanxugueiras convertéronse nun referente para a xente nova, porque mostra unhas rapazas modernas que molan moito; a min iso paréceme incrible. Elas fan o que fan dun xeito moi honesto. Penso que é interesante que precisamente sexan mulleres as que lle devolvan a dignidade a esta música, que a poñan sobre os escenarios e que soen en todo festival canto haxa.
Pero temos exemplos como Los Hermanos Cubero e Rodrigo Cuevas noutras partes de España, o que pasa en Galicia non é un caso illado, non?
Cando son honestas, as cousas funcionan. O único atranco é que se teñen que descubrir, ese é o gran problema dos que facemos músicas minoritarias. España ten un problema cos idiomas diferentes ao castelán: á xente encántalle vir aquí a comer polbo ou ir a Valencia a comer paella, pero é que se aquí non houbese unha cultura propia, igual estabamos facendo paellas. Se lles gusta a nosa comida e como somos, non debería molestarlles que falemos o noso idioma, porque ao final vén sendo parte do mesmo: un idioma é unha forma de pensar e un xeito de vivir. A xente pode escoitar música en inglés sen entendela e encantarlle, pero logo é incapaz de escoitar a alguén que canta en éuscaro; é absurdo e incoherente. Por sorte, empeza a haber persoas que entenden que o idioma non ten por que ser un impedimento. O problema é que nós non temos cabida nas radios nin nas televisións estatais. Hai espazos contados nos que poidamos mostrar a nosa música.
Tamara Novoa
Editora
Pablo Vázquez
Fotógrafo
Esta entrevista atópase no número de xuño de 2022 da nosa revista en papel. Podes consulta aquí.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024