CAMELIAS MASCOTAS

Tocata DJ’s: bótalle unha peza

A parella está pronta e todo está disposto. A cerimonia quedou redonda e o banquete está saíndo a pedir de boca. Todo está moi ben, pero unha voda sen festa non é unha voda. E o centro de toda festa é, sen dúbida, a música. Este ano chegan ás dúas décadas de experiencia e, con máis de mil eventos ás costas, Tocata DJ’s é un seguro de baile.

Alejandro Zozaya, o fundador de Tocata DJ’s, goza dunha vasta cultura musical que lle permite adaptarse ás preferencias de cada parella: swing dos 50, rock dos 60 e 70, música disco dos 80, indie dos 90… non hai xénero nin década que se lle resistan. “Un bo DJ ten que saber ler o que a pista pide en cada momento e sacarlle o máximo partido á festa. Saber cando é o momento adecuado para poñer as cancións que os noivos che pediron e intentar que os invitados non paren de bailar. Senón sería tan doado como facer unha playlist de 120 cancións e darlle ao play“, reflexiona este picadiscos, que sempre chega ao enlace cos deberes feitos, tras manter varias reunións cos noivos e coñecer a fondo o estilo musical que prefiren e cales son esas cancións que non poden faltar no seu día.

Desde 2002 Tocata Dj’s leva facendo danzar a milleiros de persoas tanto por toda Galicia como no resto do Estado. O seu plantel de dez picadiscos encargarase do asesoramento musical, do fío ambiental e dos temazos que conseguirán que a festa non esmoreza. Arquitecto de formación, Alejandro non tardou en introducirse no mundo dos DJ polo seu extenso coñecemento musical e a súa capacidade para adaptarse aos diferentes estilos dos eventos nos que traballaba. Primeiro en clubes e máis adiante en eventos, nunca deixou de enchouparse de todo tipo de xéneros musicais cun único fin: que non pare a festa: “Non ten nada que ver picar nunha sala que nunha voda. Os casamentos son moito máis complicados, porque hai invitados de todas as idades e tes que conseguir que todos bailen, desde os de 18 ata os de 65”, indica.

REVISTA NOVEMBRO

Máis de 20 anos tras os pratos dan para facer unha boa retrospectiva do negocio nas últimas décadas: “Nos últimos cinco anos houbo un cambio radical onde o reggaeton fagocitou todo o demais. É o xénero maioritario no 80% das vodas que facemos. Nós tentamos seguir ofrecendo música de moitos estilos distintos, pero se que ves que ningunha funciona e J Balvin lo peta, pois tes que tirar por aí”, comenta con certa mágoa. Niso consiste ser un bo profesional, engade, “en facer que a xente baile e non teimar nun estilo determinado. É un experimento de proba-erro, e a voda acaba por levarte por onde a voda quere”.

Pregunta obrigada: cales son as canción que máis veces puxeches nunha voda, as que nunca fallan? “‘You Never Can Tell’ de Chuck Berry (célebre pola escena do baile de Pulp Fiction), ‘La bilirrubina’ de Juan Luis Guerra e ‘I Will Survive’ de Gloria Gaynor. E a que máis me pediron, seguramente, ‘Despacito’ de Daddy Yankee e Luis Fonsi, que cando saíu foi un auténtico boom“, rememora.

Tocata DJ’s | tocata.es | info@tocata.es | 678 603 368 | @tocata_djs

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.