Deleite revive os clásicos pop da música galega
Máis dunha ducia de artistas galegos preparan versións de temas clásicos da nosa música pop que serán recompiladas no proxecto discográfico Puro Deleite que ten previsto ver a luz a finais deste ano. En xullo coñecimos a versión da Muiñeira de Chantada de Verto e agora podemos escoitar Por última vez, un tema de Ana Kiro interpretado por Ataque Escampe.
Neste recompilatorio está previsto que participen artistas como Verto, Ataque Escampe, Familia Caamagno, Radio Océano ou La casa de los ingleses, entre outros aínda por desvelar, xuntando talentos emerxentes da música galega con artistas consolidados, e unha variedade de estilos que lles dará unha nova volta a temas míticos de lendas como Ana Kiro, Juan Pardo, Siniestro Total ou Andrés Dobarro. Detrás da produción do proxecto atopamos á marca de leite Deleite que tamén se encargará de distribuílo a finais do ano 2022.
Tras a primeira incusión neste proxecto do grupo Verto o pasado mes de xullo coa súa actualización da Muiñeira de Chantada, agora son Ataque Escampe quen estrean un novo tema, Por última vez. Unha versión en galego da canción coa que Ana Kiro participou no Festival de Benidorm no ano 1967. A banda compostelá explica que escolleu un tema desta artista por considerala “unha das iconas máis rotundas que temos no país a nivel musical, pero non sempre se lle recoñeceu o mérito, como pasa con moitas artistas populares”. Ataque Escampe escolleron un tema de 1967, época da que Kiro estaba emigrada en Barcelona e cantaba en castelán. Mantiveron gran parte do espírito de ruptura da canción orixinal “na que Ana soa delicada e poderosa a un tempo”, pero traduciron a letra ao galego e fixeron cambios a nivel musical: algúns engadidos que mudan a estrutura, eliminaron o órgano da versión de Ana e incorporaron sons novos con guitarras, sintetizadores e coros. E, claro, unha voz completamente diferente.
Escoita a versión de Ataque Escampe de Por última vez :