Peluq Art e Baldomero Martínez crean tres cadros pintados con peine e secador
Un secador de pelo foi a principal ferramenta utilizada por Baldomero Martínez para crear a serie Fluidcolor, tres pinturas inspiradas no traballo da perruqueira viguesa Sara García “Peluq Art”. As pezas serán impresas en edición limitada e postas á venda proximamente.
A perruqueira Sara García e o artista monfortino Baldomero Martínez coñecéronse en Berlín, onde os dous galegos viven actualmente, a través dun amigo común. Baldo leva alí 6 anos, Sara chegou hai aproximadamente un, tal e como vos contabamos neste artigo.
Ainda que Baldo non traballa actualmente como artista, coñecer a Sara, sempre ansiosa de axitar a vida cultural ao seu arredor, fíxoo retomar esta parte da súa vida. Baldo é un artista plástico autodidacta, moi atraido pola investigación dos materiais e as textura e interesado na parte química que está na base da pintura.
Con Sara como mecenas, Baldo creou FluidColor, unha serie de tres obras abstractas nas que as cores mestúranse de xeito aleatorio para crear unha sensación de fluidez. “Hai tempo que renunciei á figura e enfoqueime nas sensacións, pois desfruto máis cando o subconsciente dirixe parte do camiño”, explica o autor sobre o proceso creativo. O máis chamativo do procedimento é que Baldo non utilizou pinceis ou ferramentas tradicionais para pintar, pero si valeuse dun secador de pelo e un peine, cos que creo texturas, brilos e burbullas nas diferentes capas de pintura que foi aplicando.
O pintor explica que se inspirou no traballo da perruqueira para visualizar o resultado “ainda que nunca sei de antemán como vai sair”. Peluq Art, a perruquería de Sara en Vigo, é referente na cidade na aplicación de cor, a creación de melenas diferentes e peiteados atrevidos e rechamantes. Para os menos atrevidos á hora de facer un cambio de estilo, Sara é coñecida polo súa proactividade na dinamización cultural, organizando exposicións e clubes de lectura no propio salón; participando en iniciativas como Cíclika ou Teatro Gorrilla e organizando o seu propio festival, o Peluca Fest.
As tres obras, de 30 por 40 cm aproximadamente, serán dixitalizadas e impresas en edición limitada e postas á venda proximamente. Ademais, o pintor de Monforte está traballando xa na creación da súa web e confesa que este proxecto animouno a seguir traballando na súa faceta artística e a facela máis visible.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024