CAMELIAS MASCOTAS

Os festivais galegos preparan a súa volta en 2022

PortAmérica, Revenidas, SonRías Baixas e Vive Nigrán están confirmando datas e adiantando parte do cartel para o ano que vén, coa esperanza de que o 2022 sexa por fin da volta á nova normalidade. O Resurrection Fest xa confirmou a totalidade do programa, que como cada ano, inclúe ás bandas máis de metal relevantes do mundo.

O público pasándoo en grande no Revenidas, en 2019 | P. Cermeño

O festival musical máis grande da provincia, o PortAmérica, desvelou este mércores parte do seu cartel para este 2022. O X Aniversario do evento terá lugar os días 2, 3 e 4 de xuño na Azucreira de Portas e na Carballeira e A Tafona, en Caldas de Reis. Máis adiante explicarán o funcionamento desta división en tres espazos. Para celebrar esta data tan especial trataron de reunir ao maior número de artistas e cociñeiros programados para a edición de 2020, que non se puido celebrar por mor da covid-19. A sorte tampouco lles sonreíu ao ano seguinte na Azucreira, pois tiveron que cancelar a segunda xornada (na que actuaba Vetusta Morla) a causa da climatoloxía. No apartado musical desta próxima edición destacan Andrés Suárez, Baiuca, Coque Malla, Delaporte, El Columpio Asesino, La La Love You, Lori Meyers, Mikel Erentxun, Natalia Lacunza, Rozalén ou Viva Suecia. As entradas para a edición de 2020 son válidas para este ano, polo que quen as teña non ten máis que gardala. Os abonos sairán á venda o 7 de xaneiro a partir de 65 €.

Máis ao norte, en Vilaxoán de Arousa, celebrarase do 7 ao 11 de setembro o Revenidas, festival referente á hora de compaxinar música galega con grandes nomes internacionais. As primeiras confimacións para o 2022 son Baiuca, Zoo, SFDK, Lendakaris Muertos, Dubioza Kolektiv e Ladilla Rusa. Xa se poden mercar os abonos desde 35 €.

REVISTA NOVEMBRO

Xa ao sur da provincia, á beira de praia América, se celebrará a 6ª edición do Vive Nigrán. Polo momento só se coñece unha confirmación: Rigoberta Bandini o 16 de xullo. Unha das artistas pop máis exitosas do último ano, á que xa poidemos ver no último Festival Underfest. Xa están á venda tanto os abonos (desde 50 €) como a entrada diaria para esa xornada (desde 25 €).

O SonRías Baixas, en Bueu, regresa do 4 ao 6 de agosto en proposta de grande formato e avanza as primeiras confirmacións do seu cartel: Kase.O Jazz Magnetism, Rayden, Arnau Griso, Balkan Paradise Orchestra, Buhos e García Mc & Nación Quilombo. Abonos á venda a partir do 29 de decembro na súa web.

O Resurrection Fest, o maior festival d e música de Galicia, celebrarase do 29 de xuño ao 3 de xullo en Viveiro, Lugo. Xa se coñece todo o cartel, encabezado por bandas internacionais como Avenged Sevenfold, KoRn, Judas Priest, Deftones, Sabaton, Bring Me The Horizon, Rise Against, Mastodon, Opeth ou Bullet For My Valentine. Os abonos están esgotados, pero podes mercar entradas diarias desde 80 €.