Cúmprense 100 anos da inauguración do mítico Café Derby
Este domingo 21 de novembro cúmprese un século da inauguración do Café Derby, sito na actual rúa de Urzáiz. Aínda que pechou en 1968, segue a ser un emblema cultural da cidade, xa que polas súas cadeiras pasaron persoeiros como Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Celso Emilio Ferreiro, Federico García Lorca ou Ramón Mª del Valle Inclán.
En xuño de 2020 saltaba a nova de que o Café Derby de Santiago pechaba as súas portas tras 91 anos de actividade. Medio lustro antes fixera o propio o Derby vigués, situado na daquelas praza de Urzáiz, hoxe máis coñecida como a da Farola. Polo tanto, o único café clásico galego que aguanta con ese nome o paso dos anos é o Derby ferrolán, aberto en 1933 e aínda funcional.
A cafetería viguesa foi famosa polo seus bocadillos a 30 céntimos, o café exprés a dous reais, o acompañamento musical do trío Corvino e, sobre todo, por acoller entre as súas paredes ao máis selecto das nosas artes. Artistas plásticos da talla de Lugrís, Seoane, Díaz Pardo, Maside e Colmeiro; persoeiros do cinema como Cesáreo González e Mur Oti e, sobre todo, literatos do máis alto nivel: Ánxel Fole, Valentín Paz Andrade, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego, Rafael Dieste, Ramón Cabanillas ou Pío Moa. Tamén se unían a estas tertulias artistas de fóra de Vigo que pasaban pola cidade, como foi o caso de Ramón Mª del Valle-Inclán, Federico García Lorca, Paco Rabal ou Marcial Lafuente Estefanía. No bando feminino a máis habitual era Mª do Carme Kruckenberg, acompañada de maneira esporádica por outras artistas como María Victoria de la Fuente, Mercedes Ruibal, Julia Minguillón o Carmen Laforet.
En 2010 vía a luz unha obra imprescindible para entender todo o que aconteceu nese case medio século de vida: Algo máis que un café. O derby de Vigo (1921-1968), publicado pola Editorial Galaxia. O seu autor é Albino Mallo, fillo e homónimo do artífice do Derby Bar, que tirou de memoria para explicar todo o que sucedía no que era o seu segundo fogar. Hai quen di que Albino pai, orixinario de León, abriu o bar á súa volta de Arxentina, e quen di que nunca chegou a viaxar ao país sudamericáno ao quedar prendado de Vigo. Sexa como for, permaneceu na cidade olívica ata a súa morte en 1971, tres anos despois do peche da seu gran proxecto vital.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024