CAMELIAS MASCOTAS

Historias de ultratumba

Desde mediados do mes pasado están a ter lugar unha serie de rutas polo Cemiterio de Pereiró, cuxas prazas voan en cuestión de horas. Imaxino as persoas interesadas como os pistoleiros dos western, desenfundando con presteza o teléfono. Cal é o segredo desta actividade? Ademais de ser de balde, no canto de de guías, as persoas encargadas de conducirnos polas rúas do camposanto son representacións de diferentes personalidades alí enterradas, como son Concepción Arenal, Irene Ceballos, María de los Milagros Elduayen ou Bernardo González del Valle, o mítico Cachamuíña. Pode parecer frívolo isto de pasear polos cemiterios acompañado por intérpretes disfrazados como quen vai pola alameda lambendo un xeado, pero o certo é que estes lugares están cheos de historia e gozan dunha beleza particular e dunha calma inquietante que paga a pena descubrir. Non debemos ser os únicos en velo así: a escritora arxentina Mariana Enríquez publicou en 2014 o volume Alguien camina sobre tu tumba: Mis viajes a cementerios, unha curiosa crónica a través por máis dunha vintena de necrópoles de todo o mundo.

Morbo á parte, estes paseos, guiados ou por libre, son unha escusa perfecta para indagar na historia e nos personaxes relevantes da nosa cidade. En 1898 abre por vez primeira a cancela de ferro no lugar de Pereiró para dar sepultura a un neno pobre, converténdose no terceiro cemiterio vigués tras os de Santiago e Picacho. Ese mesmo ano morre José Elduayen Gorriti, Marqués do Pazo da Mercé, representante de Vigo no Congreso dos Deputados, senador e gobernador do Banco de España. A capela que vemos ao fondo nada máis entrar converteuse no panteón familiar deste persoeiro a cambio de asumir o custo de parte da obra, que se atopaba paralizada por falta de medios económicos. Curiosamente, a rúa que hoxe leva o seu nome atópase desde hai meses nunhas obras interminables que non deixan descansar nin ao bo do marqués.

O percorrido polas tumbas é como consultar o rueiro local: Nicolás Taboada Leal, cronista oficial da cidade; José Policarpo Sanz, empresario e filántropo; Concepción Arenal, escritora e penalista; José García Barbón, empresario e filántropo; Antonio Sanjurjo Badía, industrial e inventor; Ricardo Mella, intelectual libertario; Cesáreo González, produtor cinematográfico, Heraclio Botana, político socialista; ou Jenaro de la Fuente, pai e fillo, arquitectos ambos. De feito, o primeiro dos dous foi o que deseñou este fermoso espazo de planta cadrada, quizais imaxinando onde colocaría o propio mausoleo no futuro. Outro arquitecto que repousa entre estes catro muros, aínda que polo momento non teña a honra de darlle nome a unha rúa, é o francés Michel Pacewicz. Neste eido é moi recomendable consultar a monumental obra de Gerardo González Martín, o Diccionario de vigueses (1875-1945) onde repasa a vida de máis de 1.700 concidadáns ilustres entre os que se atopan os xa mencionados.

Pereiró converteuse no lugar de descanso eterno de moda, se tal cousa se pode dicir, entre a burguesía viguesa, que cos anos foi trasladando, desde o Picacho na maioría, os restos mortais dos seres queridos. Isto traduciuse nunha colección de mausoleos espectaculares, unha particular competición póstuma para ver quen o ten máis grande (spoiler: gaña José Elduayen). Non será o de maior tamaño, pero é imposible non sentir un arrepío ao pasar polo sepulcro dafamilia Gil y Sarabia. Primeiro, pola escultura: unha peza na que se distinguen as figuras dunha rapaza moi nova ante a Morte, encapuchada e riseira, xusto detrás. O nivel de detalle da caveira, obra do escultor Asorey, é verdadeiramente terrorífico. Mellor non imaxinar o susto que pode levar alguén que vaia despistado por alí á última hora da tarde; igual xa queda no sitio para sempre. E segundo, pola historia que hai detrás e que vén resumida de forma poética nun libro de bronce xusto debaixo: Maruja, Rosita e Pepita, as tres fillas do fotógrafo e pioneiro cinematográfico José Gil, faleceron de tuberculose entre 1918 e 1924.

REVISTA NOVEMBRO

En 1898 tamén ten lugar a retirada das tropas españolas de Cuba tras a chamada «Guerra Necesaria» polo político e poeta cubano José Martí. Moitos foron os barcos que desde alí chegaron a Vigo, e moitos tamén os soldados que aquí acabaron morrendo. Moi preto da entrada do cemiterio atopamos o mausoleo levantado pola Cruz Vermella en homenaxe a todos estes repatriados de Cuba e Filipinas. Por desgraza, outras guerras deixaron pegada no camposanto, algunhas de maneira literal. Os valados de Pereiró foron utilizados como paredóns de fusilamento durante a Guerra Civil Española, onde en 1936 caeron entre outros Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo, e José Antela Conde, alcalde de Lavadores.Levantouse un monólito de pedra na memoria dos oito socialistas e sindicalistas caídos a mans do fascismo. Moi preto, atopamos o túmulo do vigués Humberto Baena, un dos últimos fusilados polo franquismo en 1975.

Na parte civil do cemiterio, xacen os restos de ateos, suicidas e persoas que profesaron relixións diferentes á católica. Malia quedar máis lonxe, a Segunda Guerra Mundial tamén tivo os ecos na zona, pois aquí atopamos as tumbas de xente como Richard Kindling, xefe do partido nazi en Galicia e da sección local das Xuventudes Hitlerianas; ou Friedrich Wilhelm Cloos, xestor das minas monfortinas de volframio en Freixo e que, segundo o xornalista Eduardo Rolland, agasallaba ás amizades con exemplares do libro Mein Kampf, de Adolf Hitler. Máis recentes son os sepulcros de Joaquín Fernández Santomé, máis coñecido como Quinocho, antigo futbolista e xerente do Real Club Celta que foi asasinado nun atraco no estadio municipal de Balaídos; Xela Arias, poeta e tradutora homenaxeada polo Día das Letras Galegas o ano pasado; e Carlos Oroza, outro poeta que deixou fonda pegada na nosa cidade. Descansen en paz.

Pablo Vázquez
Redactor

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.