Máis de 10.000 persoas encheron a primeira edición de Vegana
A feira de consumo vegano Vegana 2021 bota o peche da súa primeira edición con máis de 10.000 visitantes. O evento celebrouse o sábado 23 e domingo 24 no IFEVI, un recinto de máis de 5.000 m2 no que se instalaron máis de 1.000 expositores, que formaron parte da feira vegana máis grande celebrada en España ata a data.
Food trucks, postos de comida e repostería, casetas de alimentación, bebida, moda, calzado, cosmética, artesanía e todo tipo de servizos sostibles e veganos déronse cita no IFEVI esta fin de semana, durante a celebración de Vegana 2021, a feira de consumo vegano máis grande de España. En total, 121 marcas de alimentación e servizos relacionados coa sostibilidade poboaron o recinto.
Pola súa banda, os escenarios que ocuparon outra parte dese espazo, acolleron alternativamente charlas, conferencias, debates e showcookings, algún deles dirixido especialmente ao sector hostaleiro. E é que outra das grandes apostas da organización era ofrecer boas e variadas alternativas vexetais aos locais de restauración.
Os máis pequenos da casa tampouco tiveron tempo para o aburrimento, dado que contaban cunha zona de si dividida en sectores e actividades. Contacontos, ioga, xogos de mesa, clases de cociña e actividades relacionadas coa sostibilidade ocuparon a axenda completa destes dous días.
Ata o IFEVI trasladáronse máis de 10.000 persoas que corroboraron que Vegana foi un lugar cómodo para as persoas veganas e un espazo atractivo para as persoas interesadas en dar un xiro cara a un modo de vida máis sostible. Do interese suscitado dan fe a cantidade de negocios que tiveron que saír para buscar mercancía e repoñer repetidas veces, outros que tiveron que deixar o seu expositor por esgotar existencias, e as colas xeradas perante moitos dos food trucks e casetas.
A organización, con Patricia Menéndez, Tamara Alonso e Ana Gontad á cabeza, expresou a súa gratitude a través das redes sociais a todo o público asistente, aos expositores que confiaron nesta primeira edición e aos patrocinadores e colaboradores.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024