A explosión sonora de Balthazar chega ás Matinés pontevedresas
Que tal se imos á cidade veciña a gozar de boa música pola mañá? As Matinés do Principal, un ciclo de concertos que se celebra no Teatro Principal de Pontevedra desde hai uns pucos anos, ofrécenos a posibilidade de catar á hora do vermú o mellorciño da música nacional e internacional: The Sadies, McEnroe, Morgan, The Posies, La Habitación Roja, Marlango… Este sábado 30 é a quenda da banda belga Balthazar, que cambian o Teatro polo Pazo da Cultura. Falamos con Marteen Devoldere, un dos seus vocalistas. Podes mercar aquí as entradas.
Paga a pena deterse un anaco a escoitar a Balthazar. A pesar da súa xuventude, os belgas xa levan máis de 15 anos tocando xuntos, o que se traduce nunha máquina perfectamente engraxada de facer cancións con estilo propio. Sand, o seu último traballo, é unha boa mostra disto: pop, soul, rock, electrónica… “É difícil para nós describir o noso propio son, porque cando o estás a facer non pensas deliveradamente niso. É algo que evoluciona de maneira natural, está no noso ADN“, explica Marteen Devoldere, un dos vocalistas e compositores da banda.
Este disco é fillo da pandemia, non tanto na composición, proceso que tivo lugar durante a xira, senón na gravación. “Tiñamos pensado xuntarnos para gravar ao rematar a xira, pero xusto comezou o coronavirus e acabamos por facer todo por separado nas nosas casas. Houbo moitas limitacións, o cal estivo ben xa que te empurra cara direccións que non imaxinaras antes para exploralas“, apunta o músico.
Devolvere levou unha sorpresa cando lle preguntamos pola súa opinión sobre tocar pola mañá: “A que hora dis que é o concerto?”, preguntou. Ao descubrir que era ás 12:30 da mañá, saíu do paso con elegancia: “Estamos nunha gran xira europea na que adoitamos tocar pola noite, polo que está ben variar de cando en vez. Non poderemos embebedarnos tan cedo” di con humor. De mañá ou de noite, de pé ou sentados, a súa música desfrúatse de igual maneira. O seu abanico sonoro é tan amplo que permite gozar do seu eclecticismo en diferentes ambientes.
Tras publicar tres discos con Balthazar, Marteen decidiu probar sorte pola súa conta nun proxecto chamado Warhaus: “A gran diferenza é que non podes delegar noutra xente, polo que o tes que facer todo ti mesmo. É unha bendición e unha maldición ao mesmo tempo. Teño o luxo de poder traballar cun compositor tan talentoso como Jinte Deprez [o outro cantante de Balthazar, quen tamén ten un proxecto en solitario chamado J. Bernardt], pero traballando ti só podes afondar máis en temas íntimos e facer un disco máis personal” sinala o belga. Esa intimidade vese ampliada grazas a un ton máis grave na súa voz que nos lembra ao de artistas como Leonard Cohen: “Definitivamente é un dos meus heroes a nivel lírico”, aclara. Un bo exemplo do seu proceso creativo en solitario é a curta documental I’m not him, de Wouter Bouvijn, onde vemos ao músico gravando nun pequeno barco o seu primeiro traballo We fucked a flame into being (2016).
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024