REVISTA MARZO

A Orquestra Vigo 430 chega ao ecuador do ciclo ‘Múltiples resonancias’

Tras catro exitosas actuacións, a Orquestra Vigo 430 afronta o resto do ciclo ‘Múltiples resonancias’ con optimismo e entusiasmo. Este segundo bloque é de corte máis tradicional, mais trae á nosa cidade a algúns dos solistas máis destacados nos seus instrumentos. Falamos con Javier Escobar, director artístico da agrupación desde a súa fundación en 2005.

Fotografía durante o concerto de Música e videoxogos | OV430

A Orquestra Vigo 430 fundouse na cidade olívica en 2005 co fin de ofrecer á cidade unha formación clásica profesional e de calidade. Está integrada por talentos novos e tamén por músicos destacados do resto do Estado e do mundo. O seu nome provén da afinación a 430 Hz, a primeira da historia baseada en estudos científicos e matemáticos. Hai case 20 anos que Javier Escobar fundou e dirixe esta agrupación que, malia gozar dun presuposto reducido en comparación con outras orquestras galegas, saca adiante interesantes ciclos de concertos.

Un deles é Múltiples resonancias, un título que fai referencia as diferentes influenzas estilísticas e propostas musicais que conforman os oito concertos que van a ter lugar a razón de un por mes entre os próximos meses de outubro de 2022 a maio de 2023. Actualmente o ciclo chegou ao seu ecuador tras catro concertos que, en palabras de Escobar, “os resultados superaron de sobra as expectativas”. O director artístico destaca a “química especial” entre os diferentes elementos que compoñen o espectáculo, algo que quizais se pode imaxinar previamente pero que non deixa de sorprender unha vez chegan os ensaios.

O evento que máis público atraeu foi Música e videoxogos, cunha notable afluencia no auditorio máis grande da cidade, o Mar de Vigo: “Se o público que nunca se atreve a ir a un concerto etiquetado como clásico comproba que a banda sonora do seu videoxogo favorito é interpretada por unha orquestra sinfónica, quizais se derrube na súa mente ese prexuízo tan instalado na sociedade de que a música de orquestra é só para uns poucos entendidos. Sobre todo se a orquestra, como a nosa, está formada por mozas e entusiastas músicos profesionais”, explica o fundador. As actividades da OV430 para atraer a novos públicos non se limitan a este tipo de propostas, pois tamén visitan centros de estudos para achegar esta música centenaria ás novas xeracións: “Unha das cousas que máis lles chama a atención é que a directora da orquestra sexa unha moza nova, isto fai que se cambaleen os seus esquemas preconcibidos”, comenta.

Esta segunda metade do ciclo é de corte máis tradicional, o que non quere dicir que sexa menos interesante. Comezou, iso si, cunha nova agridoce: o concerto do virtuoso violinista Jonian Ilias Kadesha deste sábado 25 tivo que ser aprazado xa que este mesmo luns naceu a primeira filla do músico greco-albanés. Malia o contratempo, a próxima semana, o domingo 5 de marzo, terá lugar a actuación do influinte Sergey Malov, quen exercerá como solista e director. O ruso-húngaro é un virtuoso do violoncelo da spalla, un instrumento que quizá sexa a primeira vez que se interprete en Vigo.

En abril teremos á violinista Maya Levy nunha velada de música de cámara na que gozaremos do belísimo concerto para violín, piano e cuarteto de corda de Chausson, unha obra que poucas veces se pode escoitar en directo. Por último, en maio teremos de novo ao director Vicent Alberola (quen foi director titular hai unhas tempadas) xunto coa galega Iria Folgado, unha virtuosa do oboe que está a desenvolver unha brillante carreira musical en Alemaña.

Banner A Movidiña

Javier Escobar móstrase satisfeito coa traxectoria da Orquestra, aínda sen conseguir o obxectivo final para a que foi creada: “Establecer unha tempada realmente estable de concertos sinfónicos, barrocos e de cámara na nosa cidade, ademais de constituír unha fonte de traballo estable para os músicos que habitualmente a compoñen”, indica. O público, escaso pero fiel, e as boas críticas recibidas funcionan como combustible para esta que esta agrupación continúa ano a anao, mostra a mostra.

Ademais da falta de público (e especialmente de público novo), o outro gran problema que evita que a OV430 medre é económico. Outras agrupacións sinfónicas do norte de Galicia, segundo Escobar, teñen 50 veces máis presuposto que a súa, o que implica que fan dez veces menos grandes concertos deste tipo. A pesar das limitacións, hai moitos motivos de orgullo: “Somos amplamente recoñecidos, mesmo máis fóra que dentro de nosa propia cidade, como un proxecto ben concibido e organizado, case milagroso en relación ao seu orzamento, e unha gran produtora de talento musical“, finaliza Escobar. Isto último débese, ao seu parecer, ao bo traballo das bandas de música locais e a orquestras novas como a Kv2211.

CICLO MÚLTIPLES RESONANCIAS

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.