CAMELIAS MASCOTAS

Rayden: “A opinión externa é un efecto secundario”

O poliédrico rapeiro David Martínez, máis coñecido como Rayden, ofrecerá o seu único concerto en Galicia este ano o próximo sábado 9 de outubro en Marín, dentro da programación do evento Marín é música. O madrileño presentará o seu último disco, Homónimo, polo que aproveitamos para falar con el sobre este novo traballo. As entradas xa están á venda.

Rayden nunha foto promocional | Cedida

Non é estraño, ao ler recensións sobre discos, atopar habitualmente o termo “conceptual” á hora de definir un traballo. Rayden, artista inquedo e inclasificable, leva seis discos realizando “unha viaxe desde o continente ao contido”, conseguindo así uns álbumes redondos, literal e conceptualmente. Isto significa que tanto a primeira como a última canción de cada disco están relacionadas entre si, dándolle unha presenza e unha profundidade ao seu traballo. Alédase de que o seu público comprenda e valore esta proposta, “e menos mal, porque ás veces tes o medo de facer esforzos en van, de crear algo moi solemne e que a xente nin se decate de que vai”, comenta o rapeiro.

O das expectativas é un terreo esvaradío, pois nunca sabes cal vai ser a reacción do público: “Ás veces fas algo que pensas que vai calar e non, e ao revés, hai cancións que pensas que non van alcanzar unha gran dimensión e mira ‘Haz de luz’, que agora é A Canción” explica o músico. Neste aspecto, para fortalecer aínda máis os lazos entre os seus seguidores e el, a intro e o outro de Homónimo están coescritos por ambos: “Quixen abrir e pechar o disco con dúas preguntas que lle fixen ao público a través das redes sociais: ‘Que cabe nunha canción?’ e ‘Que é Rayden para vós?’. Collín as súas respostas e as puxen bonitas, e creo que non hai moitos discos que teñan tan en conta ao seu público” afirma Rayden, quen incide na diferenza entre facer cousas que agraden aos ouvintes e facelos partícipes do álbum, como se fosen un instrumento máis.

REVISTA NOVEMBRO

Unha das características da súa música é a variedade e o eclecticismo, ofrecendo unha ampla variedade de xéneros e colaboracións que a máis dun pureta fará que se tire dos cabelos: “Creo que din coa tecla á hora de crear un xénero propio, que o meu selo se sobrepoña a esta amalgama tan ampla de influencias. O rap é un estilo musical moi novo que bebe doutros xéneros, e eu quixen facer o contrario: baixo un trasfondo de rap facer moitos estilos distintos” aclara. Sobre os haters, opina que non hai que darlle máis importancia: “Tamén pasa cando triunfas, que te veñen con iso de ‘xa non es o que eras’. A xente sente a música como súa, e cando decides tomar novos rumbos séntese decepcionada”.

A madurez tamén é iso, pois hai anos Rayden admite que “aínda que tivese moitas críticas boas, se había unha negativa tiña a necesidade de saber onde vivía esta persoa, non para darlle unha paliza senón para sentarme con el e explicarlle o meu traballo e a miña perspectiva“. Agora sabe que o seu valor non depende de iso nin debe verse influenciado polo que opine o público, nin para ben nin para mal: “A opinión externa é un efecto secundario”.

Mentres falamos por teléfono, de fondo escóitase un ruido como de rotulador e follas: “Xusto agora píllasme asinando a pre-venda do meu próximo libro”, aclara David. Porque o seu éxito non se limita só ás palabras cantadas, senón tamén escritas: “Teño moito público ao que lle gusta o que escribo pero non as miñas canciones, e viceversa. Falan ben dos meus libros como elementos impersonal, nos que a xente se poida arroupar deixando de lado a quen os escribe”, finaliza.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.