VIALIA
GIRANDO POR SALAS

Toundra, rock contra o fascismo

O grupo de postmetal madrileño Toundra actuará en Vigo o próximo 12 de outubro, dentro da programación do Festival Underfest. Traen ao Teatro Salesianos un espectáculo con pouco percorrido, Das Cabinet des Dr. Caligari , a musicalización da película muda de Robert Wiene de 1920.

Os catro integrantes de Toundra nunha imaxe do seu próximo videoclip.

14 anos sobre os escenarios e seis discos editados son a carta de presentación de Toundra, unha banda madrileña únicamente instrumental que calquera interesado en subxéneros do rock como o stoner ou o doom ten no seu radar musical. Neste caso sorprenden asociando o seu son a un referente narrativo cunha mensaxe tan potente, tan transgresora e tan coñecida como Das Cabinet des Dr. Caligari, o filme mudo de Robert Wiene considerado a máxima perfección do expresionismo alemán.

100 anos despois a historia de Wiene segue funcionando como a formidable metáfora que tanto molestou no seu momento. O auxe do nacionalismo queda personificado na figura do hipnotizador, o doutor Caligari: autoritario, irracional, monopolista. O hipnotizado, Cesare, representa ao cidadán, cos sentidos e a vontade anuladas polo poder. “O tema era moi acorde ao 2019, cando nos sentamos a compoñer, o ano do auxe de VOX e da elección de Ayuso”, comenta Esteban Girón, guitarrista do grupo, que afirma que a mensaxe antitotalitaria da película foi o motivo que os impulsou a querer versionar a súa banda sonora.

Aínda que intetemos racionalizala en bandos, Das Cabinet des Dr. Caligari ten moito de irracional. Especialmente nas formas: puntiagudas, sombrías, sinuosas, espirais, que deixan a un preguntándose “que cojones acabo de ver”. Ao fin e ao cabo é unha película de medo. De medo ao descoñecido, a non saber que pasa. De medo pausado, do que avanza por dentro dos espectadores sen precisar de ningún susto, como a música de Toundra, que arroupa á perfección as sinistras imaxes da pantalla. “A verdade é que non somos a alegría da horta”, recoñece Girón, admitindo ese paralelismo entre o escuro e psicodélico da película e a súa banda.

O formato película máis concerto resulta especialmente convinte para os tempos que corren, aínda que o grupo artellara a proposta antes de que o virus cambiara as nosas vidas e en contra dos desexos de Girón, que o que máis lle apetecería é “que todos estivésemos de pé”. Tamén conta que o que acabou sendo un disco e unha xira comezou coa idea de facer un único concerto.

Toundra xa ten en marcha o seu próximo disco, que verá a luz en xaneiro do próximo ano. Neste próximo longo os madrileños reencontranse co seu espírito máis xoven . “Hoi moito enfado coa realidade. É un disco feito desde a raiba e o mevemento”, explica Girón, que explica que o compuxeron durante a pandemia sen saber se ían poder publicalo ou volverían a tocar ante o público. Sexa como for os madrileños non poden parar de crear, aínda que a música non sexa o único traballo de ningún dos seus catro integrantes. “Atopamos moita liberdade na inestabilidade da música e iso permítenos arriscar, convertela na nosa válvula de escape sen poñer en perigo as cousas importantes”.

REVISTA ABRIL
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.