A G-Night propón un escape room, música, paseos en barco e unha feira científica para achegar a ciencia á cidadanía
Conciencias creativas é o lema da décima edición da G-Night que este venres encherá de ciencia diferentes espazos da cidade con actividades tan variadas como un escape room, unha feira científica, música en directo ou paseos en barco.
A G-Night encherá as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo de actividades de divulgación científica en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares, nun ambiente festivo e co obxectivo de dar a coñecer o valor do traballo que desenvolven as científicas e científicos, así como a importancia desta actividade na sociedade.
Na nosa cidade haberá actividades no Berbés, o Museo MARCO, o café Vitruvia e o Campus Universitario. Segundo explicou o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, na presentación do evento trátase de “comunicar o que se fai nos laboratorios e centros de investigación e, ao tempo, render contas ante a sociedade, xa que somos institucións públicas que se financian cos impostos”.
A programación da G-Night en Vigo comezará con actividades en centros escolares, pero a parte central do evento desenvolverase pola tarde-noite en diferentes localizacións. Na praza do Berbés instalarase unha feira científica que se poderá visitar de 18 a 21 horas con 12 postos sobre temáticas variadas (esta actividade trasládase ao Tinglado do Porto por mor da chuvia), como ciencia mariña, enxeñaría, xenética, termografía ou o monopraza de UVigo Motorsport. Ademais, no edificio Redeiras, a sede institucional da UVigo na cidade, instalarase unha exposición sobre investigación e divulgación científica en galego e ás 19.00 h comezará un ciclo de relatorios sobre temas como quecemento global, lingüística ou minerais. Paralelamente tamén haberá unha mostra de graffiti en vivo nesa mesma contorna (tamén se realizará no Tinglado do Porta).
Outras das localizacións da G-Night en Vigo serán o Museo Marco, no que desde as 17.30 h haberá un Escape Room e charlas e talleres organizados por CEMMA e o Instituto de Investigacións Mariñas, unha proxección e debate sobre ‘A muller Romana en Gallaecia’ e o espectáculo Luthieria electrónica e experimental.
Tamén haberá actividades no campus, concretamente na Biblioteca Central, onde se desenvolverán obradoiros e exposicións arredor da observación astronómica, que culminarán coa actuación do grupo Tinta. Outra das patas desta iniciativa é a Ciencia no bar, unha proposta que levará a divulgación ao café Vitruvia , con tres sesións sobre street art, alimentación ou o dieselgate. Finalmente, a programación complétase con paseos científicos pola ría que sairán do Porto de Vigo.
A Universidade de Vigo coordina este evento en Galicia e conta cun financiamento de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das accións Marie Sklodowska-Curie Actions. Xunto coa institución viguesa participan na organización das actividades as universidade de Santiago e A Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo, Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, co patrocinio da Xunta de Galicia.
TODA A PRORAMACIÓN: