CAMELIAS MASCOTAS

Un paseo de película

Vivimos nunha cidade cinéfila? Aínda que non sexan moitos, temos varios espazos de interese cinematográfico, como as salas dos centros comerciais Gran Vía, Praza Elíptica e Travesía; a sala con máis butacas de Galicia no cine Salesianos e mesmo o cineclub Lumière, cunha programación semanal no Auditorio Municipal. Tamén gozamos de varios certames ao longo do ano, como o Festival Primavera do Cine (FPDC), o Galician Freaky Film Festival (GFFF) ou o Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF). A oferta está aí, mais a demanda en moitas ocasións é intermitente, dispersa ou directamente escasa. Pero tamén hai espazo para as boas novas: tras ano e medio de clausura, os Multicines Norte anunciaron en redes que volven abrir este mes. Desta forma, a cidade non perde o único espazo comercial de cine independente, que aposta polo cinema de autor e pola versión orixinal subtitulada. Tomando este pequeno oasis cinéfilo como referencia, que tal se facemos un pequeno percorrido por este grande estudio audiovisual que é a nosa cidade?

Saímos da Vía Norte e ben preto de alí temos un canellón con forma de L chamado Tercio de Afora, onde o pasado mes de outubro o director monfortino Dani de la Torre filmaba unha secuencia de Live is Life (2021), o seu último filme, que poderemos ver a partir de novembro. Outras rúas viguesas que aparecerán na película serán as da Falperra, a Quintela, a de Ricardo Mella ou a de Venezuela.

Continuamos pola rúa de Urzáiz, representada entre outras en 1967, na serie La familia Colón, dirixida polo catalán Julio Coll. Un documento histórico de gran valor, pois podemos ver o tranvía baixando polo medio da estrada co cine Odeón a babor, ou a antiga estación de tren cuxa fachada lucirá agora no complexo de Vialia. Xusto antes de chegar á Porta do Sol, viramos á esquerda para tomar un viño na taberna Eligio, práctica moi habitual do inspector Leo Caldas tanto nos libros de Domingo Villar como na adaptación cinematográfica de A praia dos afogados (Gerardo Herrero, 2015).

Paramos na Praza de Compostela para coller folgos á sombra das árbores da alameda. De facermos isto hai case un ano, igual nos coincidía cunha xornada de rodaxe de Un asunto privado, a nova serie producida por Bambú para Amazon Prime, protagonizada por Jean Reno e Aura Garrido, que logo se poderá ver na plataforma de vídeo baixo demanda. Ambientada na década dos 40, as rúas da zona vella ou a Casa Yáñez serviron como decorados de luxo para esta ficción de época.

Próxima parada: o porto. Deixamos atrás —afortunadamente— o Hotel Bahía, que albergou a rodaxe do filme Toro (Kike Maíllo, 2016), protagonizada por Mario Casas e Luís Tosar. No peirao podemos recrear a escena que aquí se rodou para Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989), primeira longametraxe galega rodada en 35 mm. Se nos botamos ao mar non é mal plan poñernos á raxeira cos ollos pechados, tal e como facían Tosar e Javier Bardem en Os luns ao sol (Fernando León de Aranoa, 2002); e se preferimos virar a estribor e adentrarnos no porto de mercancías de Guixar, igual atopamos un cadáver, como acontece na serie galego-portuguesa Auga seca (Toño López, 2020).

REVISTA NOVEMBRO

Fóra da zona centro tamén podemos achegarnos á fábrica de cerámica e porcelana Santa Clara, onde se rodou unha secuencia de acción para a serie La unidad (Dani de La Torre, 2020), facendo pasar estas nosas ruínas polas de Siria durante un conflito armado. Para rematar o roteiro, vistamos o hospital do Meixoeiro, que serviu de localización para a serie Vivir sin permiso (2018); o aeroporto de Peinador, retratado en Sete mesas de billar francés (Gracia Querejeta, 2007); ou a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, convertida en instituto paraO club dos incomprendidos (Carlos Sedes, 2014). Se o tempo o permite, tamén nos podemos bañar nas augas de Bouzas, como fixo unha moi nova Marta Larralde en Lena (Gonzalo Tapia, 2001). A ruta podemos aderezala canto queiramos con curtametraxes, como 16 de decembro (Álvaro Gago, 2019) ou Marusía (Pedro Sancho, 2019) e tamén con documentais, videoclips, webseries… e se con todo iso aínda non temos dabondo, xa sabemos: sempre nos quedará París.

Pablo Vázquez
Redactor

Reportaxe patrocinada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.