Panna e Fragola, a xeadería na que o sabor non ocupa lugar
Loce o sol e reinan as altas temperaturas, é tempo de xeados! Os obradoiros de Vigo esméranse cada tempada en elaborar un produto cremoso, con materias primas de calidade e que cautive non só na vitirina, tamén no padal. É o caso de Panna e fragola, unha xeadería artesana rexentada polo italiano Giorgio Bontempi
A Giorgio Bontempi todos lle desaconsellaban abrir unha xeadería en Galicia. O tempo chuvioso tiña moito que ver nos comentarios que recibía, desde logo, pero había un reto maior: o pouco valorado que estaban os xeados (de calidade) no norte da península. “Cando eu cheguei a Vigo o xeado de pistacho era verde fosforito e o de amorodos rosa fucsia”, recorda divertido o italiano, antes de recoñecer que o sector cambiou moito, e para ben, na última década.
Diso hai 16 anos. Hoxe este hostaleiro rexenta dous establecementos en Vigo (chegou a ter catro antes da pandemia) e conta co seu propio obradoiro no que elabora diariamente un amplo abano de sabores. Ao principio costou que os vigueses abrisen o padal á novidade “Botei anos elaborando 35 receitas no meu local da Praza Elíptica e vendendo únicamente amorodo, vainilla e chocolate”, recorda Bontempi. A outra novidade era a cremosidade dos seus doces “algo que, por fortuna, xa mellorou en moitos outros sitios”.
Agora Giorgio está na procura de receitas máis saudables e os reducidos en graxa ou azucre ocupan xa a metade do seu expositor, xunto ás variedades veganas. Para Bontempi é un proceso lóixico, acorde co cambio de paradigma global que estamos vivindo respecto á alimentación, procurando opcións con mellores ingredientes, máis dixeribles, lixeiras e nutritivas. Sacar os doces da categoría de alimentos prohibidos para todo aquel que busque coidarse é un dos obxectivos actuais de Panna e Fragola. “É algo que pedía a clientela, pero sobre todo que a min me apetecía facer, pois son o primeiro que desfruta coidándose”.
Na sección froitas, a cousa foi sinxela, pois este tipo de xeados elabóranse habitualmente como sorbetes, isto é, con base de auga en lugar de leite e nata; pero o catálogo de especialidades lixeiras continúa con xeados de Baccio, bombóns italianos de chocolate e froitos secos que aquí poden desfrutarse en opción vegana; chocolate de madagascar, iogurt ou avelás. Giorgio asegura que todos eles manteñen a cremosidade dos orixinais, pois están elaborados coa mesma técnica no seu obradoiro artesán de Samil.
Nos establecementos Panna e fragola tamén é posible comer pratos italianos salgados. Na carta de Il Papero atoparemos pizzas, pastas , calzones e saladas que ofrecen a posibilidade de desfrutar dun menú completo e acabar lambendo os dedos cun xeado, ou un caffè affogato, unha especialidade italiana que combina as dúas sobremesas máis populares dese país.
Avenida de Europa, 103 e rúa de Elduayen, 2
695 80 04 25
pannaefragola.com
@pannaefragola_official
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Sete espazos á medida para celebracións memorables - 9 Abril, 2025
- Ana Vigo: “Hai certa maxia en usar as palabras para cambiar o mundo que coñezo” - 9 Abril, 2025
- The Wild Cinema convida a participar con filmes sobre natureza e sustentabilidade - 7 Abril, 2025
- Máis hamburguesas de autor e opcións veganas na nova carta de La Urbana - 4 Abril, 2025
- Pan Para Todos, o forno saudable e sen glute - 4 Abril, 2025