Maika Maikovski e Ses porán a banda sonora á XVIII edición do festival de Cans
O festival galego de curtametraxes na parroquia de Cans, en Porriño, engade á súa programación os concertos de Maika Maikovski e Ses o venres 3 e o sábado 4 de setembro, respectivamente, no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.
O cineme galego volverá a darse cita na XVIII edición de Cans do 1 ao 4 de setembro. Como é habitual o certame tamén incluirá música cos concertos de Maika Maikovski e Ses no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río. Ao igual que a pasada edición o aforo é moi limitado e só hai 200 entradas á venda a uns prezos de 5 e 7 euros respectivamente.
O rock de vangarda de Maika Maikovski e a presentación do seu novo álbum ‘MK MK’ terá lugar na noite do venres 3 de setembro ás 23.30 horas cun prezo de 5 euros. A artista mallorquina leva preto de 20 anos construíndo un discurso musical propio nunha carreira coma cantante que combina coa creación de bandas sonoras como ‘Quien a hierro mata’ ou a musicalización de espectáculos teatrais con Calixto Bieito, un dos principais directores de escena de Europa.
A quenda de Ses e os seus himnos galegos chega o último día de festival, o sábado 4 de agosto ás 23.30 horas, as entradas teñen un prezo de 7 euros por persoa. Nesa mesma tarde, ás 19.30 horas, o público poderá escoitar a música do grupo Oh Ayatollah! no descanso das proxeccións da sección oficial do festival. A pesar de que o concerto é de balde, debe facerse unha inscrición previa a través da tenda en liña do festival.
O aforo do festival e os concertos será limitado e garantirase a distancia social e a seguridade, tal e como aconteceu o último ano. A carpa da Leira do Río, con capacidade para máis de 300 persoas aínda mantendo a distancia social esixida nestes tempos, está aberta por todos os seus lados e garante as condicións para a celebración de concertos.