VIALIA
bannerPicnicSesions

O Calvario acolle a primeira edición do festival de cómic Banda á Feira

A próxima fin de semana do sábado 4 e domingo 5 de xuño celebrarase a primeira edición de Banda á Feira, un evento organizado pola Asociación de Veciños do Calvario e que pretende achegar o cómic aos vigueses sacándoo ás rúas. Dous días nos que haberá charlas, talleres para os máis pequenos e varias exposicións dispostas ao longo da zona peonil da rúa Urzáiz, nos arredores do Mercado do Calvario.

REVISTA ABRIL
Cartel obra de Das Pastoras

Obelix, Lobezno, Deadpool, Wonder Woman, Hulk, Spiderman, Goku, Doraemon, Hellboy, Lucky Luke, Naruto… ningún deles quixo perderse a primeira edición do festival de cómic Banda á Feira. Ou polo menos iso imaxinou Julio Martínez, coñecido artisticamente como Das Pastoras, no seu fantástico cartel da feira, onde estes e outros personaxes de cómic posan felices diante do Mercado do Calvario. Nos seus arredores celebrarase esta feira da banda deseñada os días 4 e 5 de xuño. Recoñecéndose como un evento humilde e coa filosofía clara de facer que todo o mundo poida gozar do cómic, Banda á Feira propón dous días nos que haberá charlas, talleres para os máis pequenos e varias exposicións dispostas ao longo da zona peonil de Urzáiz, unha das rúas con maior ambiente diurno da cidade.

Durante estas dúas xornadas visitarán a cidade varios autores do panorama nacional como Borja González (The black holesGrito nocturno), Mayte Alvarado (La isla), Carles Dalmau (Planeta Manga) ou Anabel Colazo (Encuentros cercanosEspada) e entre todos eles compoñerase unha exposición ao aire libre que encherá de arte as rúas do barrio. Exposición que se completará cunha mostra de «Subnormal», o cómic sobre acoso escolar dos vigueses Fernando Llor e Miguel Porto. Deste xeito, Banda á Feira quere celebrar o amor polas viñetas e xerar unha cita anual que aos poucos vaia fixándose no calendario dos apaixonados polo que se coñece coma a novena arte. Detrás de esta proposta atopamos os nomes de Raúl Fontán, Félix Rodríguez, Melo e Fernando Llor.

Nos próximos días coñeceranse os detalles e o horario de todas as actividades previstas de Banda á Feira, que encherán o Calvario de cómics a primeira fin de semana de xuño.