CAMELIAS MASCOTAS

Descubre a pesca con Bluscus

Bluscus é unha empresa de turismo mariñeiro fundada en 2014 por Pablo Mariño que ten como principal misión propiciar o encontro entre visitantes e a cultura do mar. En Bluscus ofrecen paseos en embarcacións tradicionais para coñecer as diferentes rías galegas, paseos guiados pola Illa de Ons, visitas ás mariscadoras ou cofradías e excursións para practicar pesca deportiva. Todas elas recomendables tanto para foráneos como locais e que buscan ofrecer alternativas aos circuitos tradicionais do turismo.

Pablo Mariño leva o seu destino impreso no apelido desde que naceu. Primeiro através da profesión do seu pai e avós, todos mariñeiros, e , xa crecido, na empresa que fundou no verán de 2014: Bluscus, un emprendemento turístico baseado na sostibilidade e a trasmisión de coñecemento no que ensina á xente como é a vida ligada ao mar, desde o marisqueo, ata os tipos de embarcacións, pasando pola observación de baleas ou o descubrimento de aspectos históricos do noso anaco de océano. Para iso colaboran “con cofradías e traballadoras que nolo explican de primeira man” deste xeito dan visibilidade ao sector e poñen en valor o seu traballo e resultados.

REVISTA NOVEMBRO

Unha tarefa moi necesaria “especialmente para os que vivimos aquí”, apunta Mariño, en referencia ao descoñecemento que temos os locais sobre cuestións que suceden tan preto de nós, como a sementeira dos moluscos, o impacto do lixo que producimos na terra sobre o ecosistema mariño, como é o traballo nunha conserveira ou por que o marisco galego é tan saboroso.

Unha das actividade estrela que ofrecen para este verán é a observación de pesca con artes tradicionais, ou, se che pica a curiosidade, podes probar sorte coa caña nunha saída de pesca, apta para expertos e principiantes, xa que o patrón do barco conta con ampla experiencia en pesca para guiarte na aventura e Bluscus facilita as licencias e instrumentos precisos. As xornadas de pesca poden ser de 2 ou 4 horas e actualmente teñen abertas tres opcións de saídas: Pesca na Illa de Arousa, Pesca de lubina na Ría de Arousa e Xornada de pesca en Fisterra. A diversión está asegurada, non así volver a casa con algún exemplar.

Policarpo Sanz, 14, 3.º-B | 657 63 59 99 | info@bluscus.es | @bluscus

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.