Redescubre Vigo a dúas rodas con Mvico
Ante a falta de oferta dunha proposta similar, os irmáns Gabriel e Daniel Martínez decidiron poñer en marcha Mvico, un servizo de bicicletas de aluguer situado no impoñente Pazo Los Escudos. Na súa web polo momento atopamos dúas rutas recomendadas con todo tipo de información de interese, mais esta cantidade irá en aumento nos próximos meses.
Hai dous meses que botou a andar, ou máis ben a rodar, Mvico, un proxecto conxunto dos irmáns Gabriel e Daniel Martínez, dous apaixoados das bicicletas. Con sede no Pazo Los Escudos, pois Daniel traballa alí, este servizo de aluguer de bicicletas ofrécenos a posibilidade de movernos a dúas rodas con total liberdade. As posibilidades son infinitas, pero se non queres marchar moi lonxe, eles propoñen dúas rutas que están ben preto do hotel.
A primeira vai ata Bouzas, nun percorrido moi sinxelo á beira do mar. A través da súa web, mvico.es, coñeceremos en profundidade as orixes de Los Escudos na finca Miramar, o actual Museo do Mar, o corazón da vila mariñeira de Bouzas e o seu fermoso paseo a pé de ría. A segunda consiste nunha viaxe ata Cabo Estai, pasando polas praias: Santa Baia, do Cocho, dos Olmos, Tombo do Gato, da Fonte, Samil, da Calzoa, Fontaíña, Vao, Canido, Xunqueiro, Buraca… Un paseo dunha hora no que podes parar cando queiras a botar un chapuzón na auga.
Xa a título persoal, eles recomendan outras propostas como ir a Baiona pola costa ou subir ao alto do monte Alba, posiblemente o miradoiro con mellores vistas da contorna. Se non te dan os folgos para ir tan lonxe, Mvico ofrece tanto bicicletas normais como eléctricas, que supoñen unha grande axuda á hora de afrontar os desniveis. O crecente carril bici, que confían que proximamente chegue ata Bouzas desde o centro, tamén fai que miren con optimismo o futuro ciclable da cidade. Desta forma, a urbe estaría moito máis interconectada e os usuarios deste tipo de vehículos sentiríanse moito máis seguros, que é a base do transporte non motorizado.
A pesar de que actualmente parte da clientela de Mvico é compartida con Los Escudos, o seu plan a curto plazo é abrirse máis ao exterior e que a cidadanía se anime a dar esa primeira pedalada e a redescubrir a súa propia localidade. Aínda que máis rutas están por chegar á web, a liberdade que nos dá a bicicleta permítenos facer cada fin de semana un percorrido diferente e coñecer de primeira man, como di o seu slogan The Vigo Experience.
DATOS DE CONTACTO:
Pazo Los Escudos. Avenida da Atlántida, 106, Vigo
606 98 86 03
mvico.es
info@mvico.es
@mvico.experience
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024