REVISTA ABRIL

Dúas rodas para avanzar

Que Vigo non é a cidade máis cómoda para montar en bicicleta non é ningunha novidade. As incontables costas, o reducido carril bici e a agresividade do tráfico fan que poucos cidadáns se animen a desprazarse a pedais de xeito habitual. Tamén podemos enfocar esta problemática desde un prisma diferente: a nosa é a urbe de España coa maior taxa de vehículos rexistrados —máis de 150.000 en 2020, cun ratio de 0,52 coches por habitante— e o número máis grande de accidentes en tramos urbanos de Galicia; ademais, estamos nunha das 120 cidades europeas con máis contaminación acústica por mor do tráfico —con máis do 70 % das viaxes diarias motorizadas— e, segundo un estudo recente de Ecoloxistas en Acción, os niveis de contaminación atmosférica están moi por riba do límite que indica a OMS. Vaia, que a cidade das luces, os viais e os túneles precisa dun bo cambio, especialmente en materia de mobilidade. Todo pasa pola redución do uso do coche privado; para isto é precisa unha normativa máis restrinxente, unha mellora do servizo público de transporte, a peonalización dalgunhas rúas ou a utilización de alternativas non contaminantes, como poden ser as bicicletas, os patinetes eléctricos e o resto de vehículos de mobilidade persoal (VMP). Na nosa cidade existen dúas asociacións que promoven este tipo de prácticas: Vigo Ciclábel e Vigo VMP.

Vigo Ciclábel publicou hai máis dun ano un decálogo para acadar «un Vigo máis ciclábel», no que se incluían propostas como a creación dunha rede ciclista homoxénea e ben conectada, o establecemento de zonas de emisións baixas, a instalación de aparcadoiros para bicicletas, a implantación dun sistema público de alugueiro, a difusión de campañas de pacificación do tráfico ou o fomento do transporte intermodal na área metropolitana, entre outras peticións. O xoves 22, esta asociación organiza a Bicicletada pola Mobilidade, con saída ás 20:00 horas desde a oliveira do Paseo de Afonso XII e, ao outro día, unha palestra para compartir os resultados da análise sobre o estado do carril bici local. «Está ben deseñado, é seguro e permite percorrer a cidade lonxitudinalmente sen grandes desniveis», sinala o voceiro Ángel López como aspectos positivos. Nos negativos, destaca que algúns tramos son estreitos de máis, a excesiva semaforización que prioriza os coches ou a falta de protección nalgunhas interseccións e nos ciclocarrís de zonas como a Travesía de Vigo ou a Avenida de Europa. Móstrase ilusionado polo «enorme potencial» da futura Vía Verde ata Pontevedra, e bota en falta máis interese por parte do Concello. «Enviamos o decálogo e a valoración do carril bici, mais non se atenderon as peticións que fixemos».

Vigo VMP conmemorou o Día Mundial do VMP o pasado 10 de xullo, cunha ruta lúdico-reivindicativa polos diferentes carrís bici e ciclocarrís desde a parroquia de Coia ata o centro comercial Vialia, pasando pola Senda Verde acabada de estrear. Esta actividade busca concienciar e sensibilizar a sociedade sobre o cambio real no paradigma dos desprazamentos diarios. Aproveitouse a ocasión para celebrar a entrada en vigor da ordenanza municipal que regula o uso, pero tamén para sinalar erros e contradicións que atopan na que consideran «a ordenanza máis estrita do país». Ademais denuncian que moitos axentes da Policía Local non coñecen a normativa, polo que te poden sancionar mesmo sen cometeres ningunha infracción. «É unha lotería; pode tocarche algún axente que non saiba a ordenanza e xa a armaches», explican nunha nota de prensa. Coinciden cos seus compañeiros a pedais na ausencia de resposta por parte do executivo local: «A asociación Vigo VMP remitiu un completo informe antes da entrada en vigor da ordenanza sinalando eses erros —por exemplo, a varios tipos de vehículos de mobilidade persoal permíteselles e prohíbeselles, simultaneamente, circular pola mesma vía en diferentes partes da normativa—, pero aínda seguimos sen resposta».

BGO Electric

Do pouco bo que trouxo a pandemia foi que moita xente se decidiu a desempoar a bicicleta e darlle unha segunda vida ou mesmo a mercar unha nova. Ese cambio social provocou que, en novembro do ano pasado, Carlos Coloret abrise BGO Electric, unha tenda especializada en patinetes e bicicletas eléctricas. Comprobou de primeira man en cidades como Barcelona ou Madrid como esta forma de desprazarse espertaba moito atractivo, ademais de contribuír a facer avanzar a cidade «cara a un futuro moito máis sostible». Entre as vantaxes de dar o salto ás dúas rodas, Coloret destaca: «Chegas menos enfadado aos sitios, aforras moitos cartos en combustible, é cómodo e, unha vez que empezas, non o cambias por nada». Sinala tamén a importancia dun bo asesoramento, pois Vigo é unha cidade cunha orografía bastante particular. «Non serve calquera patinete; hai quen colle o máis barato e logo volve amolado porque non lle sube as costas», comenta. O peso da persoa ou o tipo de percorridos que vai facer son claves á hora de escoller o produto axeitado. Sinala que
ofrecen a posibilidade de probalos antes de mercalos. Ademais esta tenda dispón de servizo de taller multimarca

Rúa de Tarragona, 8 | 604 04 19 20 | bgoelectric.com | info@bgoelectric.com | @bgoelectric

REVISTA ABRIL

LaFuga Cycling

Con máis de 25 anos de experiencia e seis tendas repartidas por toda Galicia, o nome de LaFuga Cycling é sinónimo de confianza e profesionalidade. O negocio empezou centrándose no ciclismo deportivo, pero na actualidade abrangue todo o espectro, ofrecendo unha ampla variedade de bicicletas urbanas, tanto eléctricas como musculares. A empresa está moi comprometida coa sostibilidade, reducindo plásticos, reciclando compoñentes e levando a cabo campañas como a de que cada bici vendida supoña plantar unha árbore, coa que máis de 4000 unidades. Na sección de bicicletas urbanas, atopamos diferentes tipos: de paseo, fitness, híbrida e pregable. Aquí apóstase por unha mobilidade universal e para todas as idades e condicións físicas, como apunta o director xeral da compañía, José B. Fresco: «Queremos estar preto de toda persoa que utilice a bicicleta como deporte ou para reducir a pegada de carbono; gustaríanos que, cando pensen en LaFuga, non imaxinen só unha tenda de bicicletas, senón algo máis especial». A maiores da venda de produto, o comercio ofrece numerosos servizos, que van desde o asesoramento e a configuración do vehículo, o taller especializado ou seguros por accidente ou roubo. A nova app que dispoñen é unha boa mostra do coidado permanente que aquí lle dedican a bicicletas e ciclistas.  

Ata o domingo 25 haberá un 20% de desconto en todos os complementos na súa tenda da rúa de Venezuela.

Rúa de Venezuela, 6 | lafugacycling.com | 981 281 321  | info@lafugacycling.com | @lafuga_cycling

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.