CAMELIAS MASCOTAS

Patouro, alta cociña desde a primeira hora

Beni Couso vén precedido de catro xeracións de hostaleiros, polo que a decisión de formarse como cociñeiro non colleu por sorpresa a ninguén do seu círculo máis persoal. Non foi así cos habitantes de Bouzas, que en 2014 viviron unha pequena revolución na oferta gastronómica da zona coa chegada dun local moderno, onde o chef ansiaba poñer en práctica todo o que aprendera en restaurantes de menú degustación, adaptándose a un público moi habituado a cear compartindo unhas tapas. A novidade callou axiña, e a fama deste cociñeiro medrou coma a escuma, sendo seleccionado durante anos como representante da cociña española por Europa e Asia.

Unha novidade para este cociñeiro curtido en retos son os almorzos que, como en todas as franxas horarias do restaurante, non se plasman nunha carta senón nun encerado coas especialidades do día. “A carta para min é un modelo moi escravo que non vai co meu xeito de cociñar”, explica Couso, que desde os inicios de Patoro baseou parte do atractivo do local na súa capacidade de sorprender e adaptarse á oferta de produto fresco. Aquí está aberta a posibilidade de pedir o menú do mediodía desde a primeira hora, como a hamburguesa, o brioche recheo de xarrete guisado. Outros platos foron creados específicamente para o novo horario, como o bagle de salmón mariñado e crema de queixo, a torrada de xamón de cebo ibérico cortado a man ou a de aguacate con ovo a baixa temperatura. “Hai clientes que me piden as torradas ás 8 da tarde e tamén é posible” Como opción doce, Couso suxire as filloas con froita e iogur. Todos eles, aconsella o cociñeiro, acompañados dun zume de froitas e verduras ecolóxicas con propiedades depurativas, que cambia todos os días segundo os produtos de tempada.

M. Diego Santos, 3 | 886 11 30 42 | @patouro

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.