O Sinsal retoma a súa esencia e volve á illa de San Simón
A edición, nomeada Sinsal Esencial, regresa á esencia do evento do 23 ao 25 de xullo: tres xornadas de directos, un cartel secreto ateigado de músicas contemporáneas, contacto coa natureza e unha viaxe en barco pola Ría de Vigo. As entradas, que inclúen o transporte marítimo desde o litoral ata a illa, sairán á venda nos primeiros días do mes de xullo.
A Illa de San Simón acollerá de novo a selección sonora máis coidada e exquisita do panorama musical galego. O Festival Sinsal SON Estrella Galicia regresa este verán á illa pontevedresa, do 23 ao 25 de xullo, para achegar ao público as creacións máis estimulantes e vangardistas do momento. Logo dunha edición de resistencia, celebrada no litoral, neste 2021 o Sinsal retorna á súa propia esencia como evento: tres xornadas de música e contacto coa natureza, con propostas singulares e contemporáneas, directos suxestivos e a illa como cabeza de cartel dun line up que é secreto ata que o público desembarca en San Simón.
As músicas de vangarda e de raíz, manifestacións urbanas e sonoridades modernas ou con influencias electrónicas conforman a paisaxe sonora que propón este ano a promotora Sinsalaudio e que acompañará, ao longo de tres xornadas, aos asistentes desta edición, nomeada Sinsal Esencial. O cartel secreto do Sinsal Esencial non será a única sorpresa para o público que se achegue a este singular enclave das Rías Baixas. Este ano, cada banda e artista participante ofrecerá un único concerto nesta edición, polo que o programa de cada día será completamente diferente ao anterior. Nas vindeiras semanas, Sinsalaudio dará a coñecer outras novidades que permitirán poñer en valor tanto esta singular iniciativa musical coma o propio espazo natural no que se desenvolve.
As entradas de Sinsal sairán á venda nos primeiros días do mes de xullo a través da plataforma Enterticket. O público poderá adquirir os seus billetes para cada xornada de concertos de xeito individual –sen posibilidade de adquirir abono– e estableceranse prezos diferenciados entre o público adulto e o menor de 16 anos -inclusive-. Como é habitual no festival, cada ticket incluirá, ademais do acceso aos concertos secretos na illa de San Simón, o transporte en barco até a mesma desde o continente.