VIALIA
PLAYDOC

Exposicións e paseos guiados por San Simón completan a programación do Sinsal

Paseos guiados pola illa da man do artista Xosé Lois Gutiérrez Faílde e a Asociación Cultural Amarturmar e as exposicións ’A escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’ e ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, completan a programación do festival Sinsal, que se celebrará do 22 ao 24 deste mes en San Simón.

Viaxe en barco ata San Simón na edición de Sinsal 2021 | P. Vázquez

Xa coñecemos toda a programación do Festival Sinsal agás o máis importante: o cartel musical, que como cada edición é secreto e os asistentes non o coñecerán ata desembarcar na Illa de San Simón. Ademais das anunciadas iniciativas en pedal surf, os microconcertos de Santo Antón ou os obradoiros familiares de reciclaxe, durante o festival poderanse visitar dúas
exposicións e celebraranse paseos guiados pola illa.

O público terá a ocasión de visitar, durante a súa estancia en San Simón, dúas exposicións na cafetería da illa. A primeira delas é ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’, que recolle o proxecto pioneiro e de divulgación sobre o rexistro sonoro da música posto en marcha por Sinsalaudio e que estivo vixente entre os anos 2008 e 2014. A mostra estará aberta permanentemente ao público, mais todos os días do festival, de18.30 a 19.00 horas, o comisario e co- director do festival, Julio Gómez, fará unha visita guiada. A outra exhibición que terá lugar no mesmo recinto é ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, unha aproximación á historia da tecnoloxía musical. A mostra parte dunha premisa: a chegada da electricidade cambiou tanto a composición como o son da música popular e clásica. Expoñerase como o acceso a esta tecnoloxía permitiu que, dun xeito máis independiente ou mesmo accesible, numerosas artistas -sen posibilidade económica ou formación suficiente- tivesen capacidade para compoñer e crear novos estilos musicais. Ao fío, o sábado 23 de xullo, entre as 19.00 e as 20.00 horas, celebrarase un encontro con Mateo Mena. O artista realizará unha introdución aos diferentes procesos de construción de instrumentos musicais electrónicos. Ao día seguinte, o domingo 24 de xullo, no mesmo horario, haberá unha demostración práctica do Theremin con Paulo Pascual. O músico vigués amosará o funcionamento deste instrumento e as súas técnicas para xerar sons ou interpretar melodías.

REVISTA ABRIL

Durante o festival tamén se celebrarán dous roteiros guiados pola illa. O primeiro será na tarde do sábado 23 co artista, investigador e docente Xosé Lois Gutiérrez Faílde, que presentará ‘Islario Marabilloso’. A través do camiñar e da contemplación, os participantes neste roteiro tecerán, en común, un imaxinario particular fiando os relatos e as memorias que compoñen a idea do lugar coa intención de manter a fascinación, e tamén o conflito, na relación co territorio. O domingo 24, ás 16.00 horas, celebrarase un segundo paseo, nesta ocasión da man de Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes. Con este roteiro, Sinsalaudio propón botar unha mirada á enseada de San Simón desde a experiencia cotiá das mariscadoras e pescadores da parroquia de Cesantes (Redondela).

Para participar en calquera destas actividades é necesaria a inscrición previa escribindo a info@sinsalaudio.org, en todos os casos a praza deberase confirmar ao desembarcar na illa, no punto de Administración de San Simón, para garantir a asistencia.

Tamén xa están á venda os tickets para acudir aos microconcertos en acústico que terán lugar en Santo Antón durante o festival, nos que participarán dúas agrupacións galegas de música clásica, o que incide na diversidade estilística que forma parte da filosofía do festival impulsado por Sinsalaudio. Os concertos (cada xornada cunha formación distinta) terán lugar
nas tardes do sábado 23 e do domingo 24 na illa de Santo Antón. Por mor da capacidade limitada destas actuacións, só accesibles para quen xa posúe abono ou entrada de día ao festival, Sinsal abre, a través da plataforma Enterticket, a venda de billetes para estes pases (2 euros cada un), coa intención de favorecer as persoas con interese na actividade poidan garantir a súa asistencia. Aquelas que prefiran mercar as súas entradas ao desembarcar poderán facelo no posto
de Administración sempre que queden billetes dispoñibles.