VIALIA
CAMELIAS NADAL
Os concertos son sempre un enigma no Festival Sin Sal, imaxe da pasada edición | Alba Sotelo

Sinsal innova sen perder a súa esencia

Volve outro ano máis o festival máis especial e único do panorama galego, o Sinsal, que se celebra na Illa de San Simón do 26 ao 29 de xullo. Como sempre, o cartel é un absoluto segredo que só se dá a coñecer o propio día das actuacións, aínda que hoxe na presentacións desveláronse algunhas pistas.

Os concertos son sempre un enigma no Festival Sin Sal, imaxe da pasada edición | Alba Sotelo

Os concertos son sempre un enigma no Festival Sin Sal, imaxe da pasada edición | Alba Sotelo

Non é esaxerado dicir que o Festival Sinsal é o festival máis extraordinario, enténdase como fora do común, do panorama galego e posiblemente nacional. Por algo no 2015 foi galardoado co Premio ao Mellor Festival Pequeno Español nos Premios Fest. Este ano celebra a súa 16ª edición, sendo estas 10 na Illa de San Simón e 6 fóra dela.

Outra das características do Sinsal é o seu afán pola innovación e a diversidade pero sen perder nunca a vista da tradición e do seu espírito de festival pequeno. No eido musical, haberá un total de 28 concertos, en 4 escenarios, de 22 artistas, a maioría deles internacionais. Entre os países de orixe destes músicos atopamos Australia, Cuba, Holanda, Sudáfrica, Guinea Ecuatorial e Eslovenia. Tamén haberá presenza galega entre as bandas.

Como cada ano, preténdese mesturar músicas máis tradicionais, como a clásica, con sons máis contemporáneos e experimentais, que normalmente é imposible atopar dentro dos ciclos dos festivais. De todos os artistas e bandas convidadas, 4 pisan por primeira vez terras españolas e 11 debutan en Galicia. Non só haberá música en San Simón, xa que tamén teremos multitude de actividades como andainas para coñecer a Illa, kaiak, catas de cerveza e viño, zona gastronómica, poesía, un stand para crear a túa propia zapatilla deportiva…

Ademais de todo isto, o Festival caracterízase pola súa política de economía circular e sustentabilidade social, baseada en tres puntos: igualdade, diversidade e medioambiental. A primeira baséase na discriminación positiva na presenza de mulleres, tanto nas bandas como na organización: así, atopamos 11 grupos liderados por mulleres e 4 mixtos, e un 60% de persoal feminino traballando no Festival. O segundo punto refírese a diversidade territorial, xa que atrae músicos de todas as partes do mundo, e tamén á posibilidade de gozar de distintos estilos musicais, fuxindo un pouco do establecido.

CAMELIAS NADAL

Por último, o coidado polo medio ambiente é capital desde a organización. Por iso, os plásticos están prohibidos dentro do recinto, e haberá medidas como as de zonas de fumadores restrinxidas, vaso único, auga km 0, envases retornables ou recollida de cabichas. Todo o impacto social, económico e medioambiental do festival na Illa será analizado pola Universidade de Santiago de Compostela para poder coñecer en profundidade o impacto do ser humano nesta paraxe única e así axudar a mellorar para futuras edicións.

Desde Sinsal móstranse ambiciosos pero humildes, xa que non queren perder esa esencia de festival pequeno que os diferenza dos demais. Entre os seus plans de futuro destaca o de levar o festival a máis puntos da ría de Vigo, como Redondela, Cangas ou Moaña, xa que as solicitudes sempre superan, e por moito, ás entradas dispoñibles. No outono existe a intención de poñer esta idea a proba para poder levala a cabo en próximas edicións.

En definitiva, esta próxima fin de semana unhas 3.000 persoas poderán gozar nunha paraxe única de distintos estilos musicais, e probablemente descubrir numerosas bandas. Unha proposta que non deixa de medrar, pouco a pouco, pero con paso firme e un futuro esperanzador.