CAMELIAS MASCOTAS

A cantautora Carla Lourdes comeza unha nova etapa ‘sen instrucións’

Este domingo estreábase o videoclip de ‘Sin instrucciones’, canción que marca unha nova etapa na traxectoria de Carla Lourdes. Natural de Ponferrada, leva anos residindo en Vigo, cidade cuxo aroma a salitre percíbese nas súas melodías estivais e apegadizas. Ou como ela mesma define: “Quero ser verán en febreiro”.

Foto promocional da artista | Cedida

Malia a súa xuventude, Carla Lourdes leva ligada á música 17 anos, nos que aproveitou para aprender a tocar piano, violín, guitarra e a cantar. Este ano e medio tan estraño trouxo consigo os que son os seus primeiros pasos como cantautora desde unha perspectiva máis profesional: “Decídeste a dar o paso cando te decatas de que non hai un momento perfecto, polo que o mellor é facelo agora e saltar ao vacío” explica a artista.

O nome escollido para esta primeira canción, ‘Sin instrucciones’, non podía ser máis acorde a este proceso de ir atopándose a un mesmo: “Afortunadamente non estou soa neste proxecto, hai moita xente axudándome”, comenta. Concretamente, unhas 40 persoas colaboraron coa cantautora en aspectos tan variados como a gravación das cancións, a realización do videoclip, a distribución ou as sesións de fotografías promocionais. Entre eles atopamos ao batería José Bruno, célebre por formar parte das bandas de Andrés Calamaro, Leiva e Fito Cabrales, quen gravou a distancia desde o seu estudio en Madrid.

REVISTA NOVEMBRO

Un conxunto de esforzos que polo de agora culminou na gravación de cinco temas producidos polo seu amigo Raúl Ben: “Probablemente publique un EP este ano ou a principios do que vén, pero aínda non teño moi claro como vou sacar a miña música”, conta Carla, que está moi enriba de todo o proceso pero tamén deixa algo de marxe á improvisación . De feito, a canción que agora nos presenta foi composta hai tres anos, e con ela quere marcar un antes e un despois na sua traxectoria: “O que escribo agora non ten nada que ver co que escribín nestes últimos anos”, confesa.

Nesta nova etapa xa está a ensaiar cunha banda formada por cinco músicos para defender estas novas composicións en directo, aínda que polo momento non hai unha data marcada para a estrea. “Estouno a tomar con calma, este é o ano para comezar o proxecto. Se nos chaman para tocar, estamos máis que preparados, pero polo momento confórmome con ir facendo un oco e que a xente escoite o que vai saíndo”, resume a compositora con optimismo e madurez. Tamén nos confirmou que en menos dun mes teremos outro adianto deste ambicioso proxecto, que soará aínda máis a verán ao contar con ukelele e ventos na instrumentación.

Este é o videoclip de ‘Sin instrucciones’, obra de Pixelize Audiovisual:

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.