CAMELIAS MASCOTAS

Oda aos almorzos de prato

Moito tardamos os galegos en darnos conta das vantaxes que teñen eses almorzos anglosaxóns de fin de semana. Un pobo de bo dente, capaz de erguerse un domingo ás once da mañá e non sentar á mesa ata as catro da tarde, merece un almorzo contundente e unha nova escusa para reunirse cos amigos en torno á mesa dun restaurante, mais aínda cando as restricións de horario e número de comensais están á orde do día e andamos á procura de alternativas para nosos vellos hábitos de socialización. O popular brunch dos Estados Unidos xa leva entre nós uns cantos anos, pero a desescalada estalle a brindar un momento de gloria. Aquí temos un trío de propostas para a hora da parva.


La Marujita, tradición de deseño

Cando os negocios tradicionais pechan, a identidade esvaécese con eles. Este non é o caso deste local de recente apertura que conserva o celme da tenda que precedeu o restaurante, mesmo o letreiro da entrada que recorda o que foi a librería Cervantes. A decoración, que rescata mobiliario dos anos setenta combinado con pezas de deseño nórdico é cousa do dono, Manuel Pampillón, que antes de ser hostaleiro fixo carreira no mundo da moda. Da cociña, con Marián Fernández á fronte, saen pratos que combinan tradición e sofisticación, con ingredientes cen por cento galegos nunha carta sinxela e elaborada que muda coas estacións. A minuta de almorzos ten arrecendo francés e nela a bolería gala é a protagonista. Do forno saen croissants de manteiga, galletas e donuts, estes últimos recheos de deliciosas marmeladas caseiras e queixo mascarpone. Na epígrafe salgada, o protagonismo é para o bagle de pavo e eiruga, as torradas con xamón ibérico e a tortilla que leva o nome do local. E para beber, un café arábica, unha infusión e, para os máis animados, un cóctel con receita da casa.

Policarpo Sanz, 27 | 986 43 73 52 | lamarujita.com | @lamarujitavigo

Living, un festín cheo de vida

Yolanda Díez e mais o seu home, ambos os dous cociñeiros, inauguraron en 2008 este negocio cun concepto de restauración que era novo na cidade daquela, con fusións de cociñas asiáticas e toques de vangarda. 12 anos despois, a dona recoñece que o establecemento está inmerso no proceso contrario, facendo por volver ás orixes, aos sabores de toda a vida, sen perder o toque divertido enche o local en cada servizo. Na carta vese o lema «Cociña viva», e o proceso de crecemento inherente á vida desta cociña acaba de sumar un novo horario: o do brunch. Cada sábado, entre as 11.00 e as 13.00 h, a cociñeira prepara un menú de media mañá cunha bebida quente, zume acabado de espremer e iogur grego con froitas e granola, de primeiro; de segundo, un prato salgado, a escoller entre diferentes tipos de pan con ovos beneditinos, salmón ou xamón ibérico; e para rematar, un doce: galletas, tortiñas ou torta de queixo. A este festín hai que sumarlle o ambiente acolledor e tranquilo que o rodea, onde o comensal se encontra rodeado de plantas e decoración colorida.

Zamora, 81 | 986 24 78 59 | livingcocinaviva.com | @livingvigo

Patouro, alta cociña desde a primeira hora

REVISTA NOVEMBRO

Beni Couso vén precedida de catro xeracións de hostaleiros, polo que a decisión de formarse como cociñeiro non colleu por sorpresa a ninguén do seu círculo más persoal. Non foi así cos habitantes de Bouzas, que en 2014 viviron unha pequena revolución na oferta gastronómica da zona coa chegada dun local moderno, onde o chef ansiaba poñer en práctica todo o que aprendera en restaurantes de menú degustación, adaptándose a un público moi habituado a cear compartindo unhas tapas. A novidade callou axiña, e a fama deste cociñeiro medrou coma a escuma, sendo seleccionado durante anos como representante da cociña española por Europa e Asia. Unha novidade para este cociñeiro curtido en retos son os almorzos que, como en todas as franxas horarias do restaurante, non se plasman nunha carta senón nun encerado coas especialidades do día. De feito, aquí está aberta a posibilidade de pedir o menú do mediodía desde a primeira hora, como o brioche recheo de carne guisada, o bagle de salmón mariñado, ou a torrada de xamón de cebo ibérico. Segundo aconsella o cociñeiro, todos eles acompañados por un zume de froitas e verduras ecolóxicas con propiedades depurativas, que cambia todos os días, sempre con produtos da tempada.


M. Diego Santos, 3 | 886 11 30 42 | @patouro

Paula Cermeño
Redactora e fotógrafa

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.