A Biblioteca Juan Compañel conmemora o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán
Para conmemorar o centenario do pasamento da escritora galega Emilia Pardo Bazán, a Biblioteca Pública Juan Compañel organiza unha serie de actividades ao longo deste mes, pretendendo afondar na vida e na obra dunha literata controvertida e influínte a partes iguais.
Emilia Pardo Bazán naceu na Coruña en 1851 e non tardou en convertirse nunha das escritoras e xornalistas máis relevantes do seu tempo. Introduxo a corrente do naturalismo literario en España e loitou de maneira incansable polos dereitos das mulleres nos diferentes ámbitos da sociedade. A pesar de ser a primeira muller en presidir a sección de literatura do Ateneo de Madrid e a primeira en ocupar unha cátedra de literaturas neolatinas na Universidade Central de Madrid, a súa candidatura para formar parte da Real Academia Española foi rechazada ata en tres ocasións. Na outra cara da moeda, Pardo Bazán, de familia noble, tamén destacou polo seu clasismo, racismo e catolicismo exacerbado. O único seguro é que se trata dunha figura complexa, dual e controvertida, como se pode apreciar neste artigo escrito por María Xosé Queizán, neste outro de Xosé A. Fraga ou no número 90 da Revista Luzes.
O pasado mes de marzo a Editorial Galaxia presentaba Movendo os marcos do patriarcado, de Marilar Aleixandre e María López Sández dentro da colección Feminismos. Un libro que enxalza a figura de Emilia Pardo Bazán como feminista, facendo fincapé na súa defensa do dereito ao pracer das mulleres, igualdade de deberes para que os coidados deixen de recaer sempre sobre o xénero feminino ou por chamar as cousas polo seu nome, como que os asasinatos das mulleres se lles chame así e non de crimes de honra ou crimes pasionais como se viña facendo no século XIX.
Na Biblioteca Juan Compañel teñen preparadas diferentes actividades ao longo deste mes para conmemorar o pasamento desta xenial escritora, que tivo lugar o 12 de maio de 1921 en Madrid. Do 3 ao 13 de maio estarán dispoñibles na zona de exposicións da biblioteca unha serie de artigos xornalísticos que Pardo Bazán escribiu sobre Vigo nas súas visitas entre 1908 e 1910. O 11 de maio ás 18:30 as crianzas poderán aprender e debuxar sobre a literata co obradoiro de ilustración de María Lires. Por último, o mércores 12 haberá dúas propostas: unha charla-coloquio sobre Los pazos de Ulloa para os membros dos clubes de lectura da Biblioteca, conducido por Natalia Fernández Castro ás 18:00; e Unha vida de conto, ás 18:30, unha maneira lúdica e visual de coñecer a biografía da galega da man de Polo correo do vento.